----

O Concello da Coruña crea o Consello Local da Lingua Galega

A Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello da Coruña, aprobada no ano 2021, recolle no seu artigo 30 a creación dun Consello Local da Lingua “para cumprir, velar e avaliar a aplicación desta ordenanza”. Cumprindo co recollido na norma, o Concello da Coruña anuncia agora a creación deste Consello Local da Lingua Galega, constituído como un órgano colexiado de participación cidadá no ámbito lingüístico e con carácter consultivo. Segundo consta nas súas normas de organización e funcionamento “está concibido como un espazo para asesorar, informar, debater, estudar, propoñer e traballar en rede, e ten como obxectivo achegarlles as políticas lingüísticas municipais ás entidades da cidade, colectivos, veciñanza, institucións e demais persoas ou organismos que se vexan afectados dalgunha forma polas políticas de normalización lingüística públicas”.