----

O Consello da Cultura Galega e a Fundación Seoane presentan as primeiras actividades do centenario do artista

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010.- “Seoane é, con Castelao, a figura máis importante da Galicia do século XX pola súa capacidade de diálogo coa cultura galega e a súa integración na cultura universal”, asegurou hoxe á mañá Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, durante a presentación do congreso internacional Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía hoxe á mañá. Na presentación tamén estiveron presentes Alberto Ruiz de Samaniego, director da Fundación Luís Seoane e Xosé Díaz, secretario da Fundación e membro do comité organizador. O prazo de inscrición ao congreso xa está aberto e o número de asistentes está limitado a 100 persoas. A inscrición pode realizarse a través deste web. Villares detallou a composición dun congreso que tenta abranguer a poliédrica figura de Luís Seoane alén da produción artística pola que é máis coñecido. O evento celebrarase no Consello da Cultura Galega entre o 6 e o 8 de abril e rematará na Coruña, na Fundación Seoane, o día 9 de abril. “O congreso é un diálogo entre a educación galega de Seoane, a instalación en Arxentina e o retorno desa educación a Galicia”, asegurou Villares, que sinalou que durante o seu periodo arxentino, Seoane sempre “falou de retorno, de devolución a Galicia do que Galicia lle deu”. Deste xeito, altérnanse conferencias de expertos arxentinos e galegos que vincularán esa idea de retorno e tentarán ubicar a Seoane no contexto da cultura arxentina da época e comprender o seu papel na cultura galega do século XX. “Un dos aspectos novidosos do congreso é analizar como mudou a obra de Seoane a imaxe estética de Galicia”, indicou Villares. Entre os relatores convidados figuran profesores universitarios, profesionais da xestión cultural e artistas tanto de Galicia como de Arxentina. Poden consultar o programa detallado no web do Consello da Cultura (www.consellodacultura.org). Unha retrospectiva artellada a través de sete ideas Pola súa banda, Alberto Ruiz de Samaniego presentou os contidos da exposición que se inaugurará na sede da Fundación Luís Seoane, na Coruña, o último día do congreso (9 de abril) e que permanecerá aberta ata xullo. Unha retrospectiva pensada como unha “relectura das moitas posibles” orientada a dar visibilidade a “uns fondos propios, os da Fundación, realmente complexos”, asegurou Samaniego. A exposición terá un eixo condutor a través das preocupacións estéticas e intelectuais de Seoane, artellados ao redor de sete bloques: a paisaxe, as ensoñacións, o bestiario, a literatura, trazos e figuras, guerra e capitalismo e autorretratos. Tamén se presentará un documental de 60’’ que indaga na vida de Seoane a través dos seus fondos fotográficos.