Péchase o foro “Un país coa súa lingua” cunha mesa de conclusións
16/9/2025
O vindeiro 2 de outubro de 2025, a partir das 16:30 h, terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela) a última sesión do foro Un país coa súa lingua. Trátase dunha mesa de conclusións coa que se pecha o proceso participativo iniciado en xaneiro deste mesmo ano, na que se exporán as principais reflexións, suxestións e propostas obtidas nas sete mesas temáticas anteriores.
Esta última sesión está aberta a todas as persoas que participaron nas diferentes mesas sectoriais e, en xeral, á cidadanía no seu conxunto. Podes inscribirte para asistir presencialmente cubrindo o formulario que atoparás nesta ligazón.
O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estruturouse arredor de sete mesas de traballo nas que se debateu sobre o futuro da lingua e se propuxeron accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.