----

Un novo informe do CCG advirte que os sectores do audiovisual e a edición son os máis afectados pola crise económica

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2010.- A edición e o sector audiovisual son os sectores que máis sofren na actual crise económica. Así o indica o informe Primeira avaliación do impacto da crise económica no ámbito cultural de Galicia que o Observatorio da Cultura Galega vén de facer público e que se pode descargar no sitio web do Observatorio (www.consellodacultura.org/observatorio). O informe sinala que “o descenso de espectadores, a baixada da recadación e a desaparición de salas colocan o mercado cinematográfico en Galicia na peor situación dos últimos tres anos”. Ao mesmo tempo, no ámbito da edición tamén se resinte, cando menos na produción de novas publicacións. No 2009, segundo o estudio, inscribíronse no rexistro 842 libros menos que no ano anterior, aínda que houbo un lixeiro incremento no número de compradores de libros, do 1,40%. O 51.9% dos galegos mercaron algún libro o ano pasado. Ademáis, no 2009 Galicia importou, en xeral, máis produtos culturais dos que exportou, a difrencai doutros anos nos que o proceso era o contrario. O efecto arrastre da caída do sector da edición e audiovisual tamén provocou unha notable caída das afiliacións á Seguridade Social neste ámbito. Como contrapunto, o informe constata que no 2009 creáronse 126 empresas culturais máis que no 2008, especialmente en dous ámbitos: no da creación, artísticas e espectáculos e no de vídeo, televisión e edición musical. “Sobre todo, no tecido empresarial máis básico”, apunta o Observatorio da Cultura, “se están atopando nichos de mercado, seguramente aproveitando a capacidade que están tendo os prezos de corrixirse á baixa”.