Galicia desenvolveu nas últimas décadas unha escena jazzística ecléctica e en diálogo constante co panorama europeo, que hoxe se proxecta en festivais e salas de todo o mundo. O jazz, con raíces profundamente vencelladas á historia e á cultura afroamericana, converteuse nunha linguaxe universal que se adapta e evoluciona en contextos diversos.
A sesión abrirase cun relatorio da investigadora galega Eva Moreda Rodríguez, profesora na University of Glasgow, especialista en historia cultural e estudos musicais. No seu traballo “Festivais de jazz e identidade nunha small nation: o caso de Escocia”, abordará como os festivais de jazz contribuíron á construción da identidade cultural escocesa, establecendo paralelismos co contexto galego e coa forma en que o jazz participa na definición das pequenas nacións a través da creación musical.
A continuación celebrarase unha mesa redonda dedicada á formación e ás políticas culturais, centrada no papel da educación musical e das institucións na consolidación do jazz como disciplina artística e profesional. Participarán Abe Rábade, pianista, compositor e docente, director do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e unha das figuras máis recoñecidas do jazz galego contemporáneo; Felipe Villar, guitarrista, docente no Conservatorio Mayeusis de Vigo e director artístico do festival NigránJazz, cunha traxectoria destacada na promoción da formación jazzística; Ramón Bermejo, músico e profesor da escola compostelá Estudio, pioneiro na introdución do jazz moderno no ensino musical galego; e Marcelino Galán, contrabaixista e docente no Conservatorio Superior de Música da Coruña, con experiencia na investigación e na improvisación contemporánea. Esta mesa examinará as oportunidades e desafíos da formación, a profesionalización e o apoio institucional á creación musical.
Na segunda mesa redonda, dedicada á vida profesional, analizaranse as condicións laborais e as dinámicas de produción e programación no ámbito do jazz galego e portugués. Participarán Aitana Cuétara, directora do festival Jazz de Ría, manager e produtora cultural, con ampla experiencia na xestión de proxectos musicais e na promoción da igualdade no sector; Cristina Marvão, produtora, xestora cultural e directora do Eixo do Jazz, asociación luso-galaica para a promoción do jazz, ademais de responsable da produtora Dentro da Caixa Produções, con sede en Guimarães; e Xan Campos, pianista, compositor e director do festival CanJazz, unha das voces máis destacadas da nova xeración de músicos galegos. O diálogo abordará cuestións como a autoxestión fronte á representación profesional, a creación de redes, a sostibilidade dos proxectos e as estratexias para favorecer a proxección internacional Durante esta mesa presentaranse tamén experiencias concretas de colaboración e autoxestión como as da asociación Eixo do Jazz e os festivais Jazz de Ría e CanJazz, exemplos de cooperación entre Galicia e Portugal que contribúen á consolidación dun ecosistema musical máis sólido e sostible.
A xornada pecharase cunha intervención musical a cargo de Sunil López ao piano e Miguel Seoane no saxofón, dous dos músicos máis destacados da nova xeración galega. A súa proposta ofrecerá unha mostra das novas linguaxes e sonoridades que caracterizan a escena contemporánea do jazz en Galicia, simbolizando o relevo xeracional e a vitalidade creativa do xénero.


