O especial que abre o ano comeza cun vídeo divulgativo a cargo do veterinario Guillermo Campos que nos fala das zoonoses, as enfermidades que se transmiten de maneira natural entre os animais e as persoas. Acompáñao outro recurso TED, traducido ao galego por Xusto Rodríguez, que explica o proceso mediante o cal un patóxeno dunha especie pode infectar outra. Os virus son un tipo de parasito orgánico que infecta case calquera forma de vida. Neste vídeo descubrirás cales son as principais etapas que deben superar para sobrevivir e reproducirse, e como un virus adaptado a outro mamífero pode chegar a infectar un humano tan só con desenvolver unhas poucas mutacións afortunadas.
A transmisión da enfermidade de Lyme, o risco para os gatos da gripe aviaria, a resistencia á colistina en cepas de E. coli de orixe porcina, ou cómo combater o ZIKA e evitar que os mosquitos portadores se multipliquen, son outros dos recursos que aparecen nesta entrega. O especial pecha con outro vídeo de TED, traducido ao galego por Ángela Novoa, que achega catro experiencias (un gromo de évola en Guinea; un gromo de febre amarela en Brasil; un gromo de cólera en Burkina Faso ou unha potencial transmisión de enfermidades entre animais e humanos en Tailandia) nas que se conseguiu atallar a tempo a expansión de enfermidades.
“Proxector”
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.



