Lugares de memoria
Esta entrega contén nomes propios como o de Martiño de Braga, Juana de Vega, Diego Xelmírez ou Martín Sarmiento; xunto con fitos históricos como a batalla de Ponte Sampaio. Hai lugares, como Meirás, Castrelo de Miño ou Portomarín. As entradas desta segunda entrega foron preparadas por destacadas figuras como Ramón Villares, Emilio Grandío, Henrique Monteagudo, Luís Domínguez Castro, Xosé Ramón Veiga Alonso, José Miguel Andrade Cernadas, Elena Freire, Julio Prada, Luís Calvo, J. Eduardo López Pereira ou Miguel Cabo.
Entradas colectivas
Entre os fitos históricos destaca a batalla de Ponte Sampaio, abordada polo profesor da Universidade de Vigo Luís Domínguez Castro na entrada titulada “A batalla de Ponte Sampaio. Do menosprezo alleo ao orgullo propio”. O texto analiza o enfrontamento de 1809 no que arredor de catorce mil galegos —na súa maioría labregos sen formación militar, xunto con soldados da recentemente creada División do Miño e estudantes do Batallón Literario— lograron deter o avance de dez mil soldados franceses que pretendían unirse ás tropas do mariscal Soult. A entrada aborda tamén dous elementos situados entre a historia, a lenda e o mito como son “os canóns de pau elaborados polos veciños de Cotobade, mostra do enxeño popular, e a muiñeira de Ponte Sampaio, supostamente interpretada durante a batalla e recuperada musicalmente por Milladoiro no seu álbum de 1982”.
Outra das entradas céntrase no Seminario de Estudos Galegos, da man do historiador e expresidente do CCG, Ramón Villares. Destaca o “enorme legado intelectual dunha experiencia breve pero decisiva, especialmente viva na memoria do exilio e da emigración americana, e recuperada simbolicamente en época democrática polo grupo Sargadelos”. A memoria da diáspora galega está representada pola entrada dedicada á asociación A Nosa Galiza, creada en Xenebra en 1967. O texto elaborao por Luis Calvo salienta que as asociacións da emigración deben ser consideradas lugares da memoria “ao constituíren espazos físicos que co paso do tempo adquiren un profundo valor simbólico para as comunidades migrantes”. A entrada percorre a historia das asociacións galegas en Xenebra, cidade que destacou polo elevado número de emigrantes galegos en Suíza, e subliña o papel central de A Nosa Galiza e da súa publicación periódica homónima.
Lugares físicos
Os encoros de Castrelo de Miño e Portomarín constitúen dúas das entradas desta entrega. Os textos, asinados por Julio Prada e pola profesora da USC, Elena Freire Praza, respectivamente, reflexionan sobre unhas infraestruturas presentadas como símbolos de progreso, modernidade e crecemento económico que implicaron o asolagamento de terras, camiños e historias familiares baixo os conceptos de “utilidade pública”, “progreso” ou “interese nacional”. Meirás é outro dos lugares abordados nesta entrega. O historiador Emilio Grandío define este espazo como especialmente complexo e conflitivo, pola superposición de significados e polos retos que presenta á hora de ser integrado nun relato histórico crítico e plural.
O Panteón Real da Catedral de Santiago está recollido no texto do catedrático de Historia Medieval da USC,José Miguel Andrade Cernadas, quen o define como “o testemuño máis elocuente da importancia política e simbólica da Igrexa xacobea durante a Idade Media”.
Persoas
Entre as figuras históricas incorporadas ao proxecto atópase Martiño de Dumio, abordadro por J. Eduardo López Pereira, quen analiza a profunda pegada de Martiño de Braga na cultura galega. O texto destaca a influencia da súa obra na lingua e na organización cultural do territorio suevo, e pon entre outros exemplos, o cambio da denominación dos días da semana nas linguas galaico-portuguesas e tamén prácticas que aínda hoxe perviven en Galicia e noutras zonas do norte peninsular.
Basilio Álvarez é obxecto dunha entrada asinada por Miguel Cabo Villaverde, que o presenta como símbolo do movemento agrarista do século XX, salientando a súa rebeldía fronte á xerarquía eclesiástica, o seu papel como axitador do agro e o seu compromiso coa Segunda República.
Martín Sarmiento, figura clave da Ilustración galega e pioneiro no estudo da lingua, da cultura popular e da historia de Galicia desde unha perspectiva científica e moderna, é abordado por Henrique Monteagudo. Na súa entrada percorre a traxectoria e a transmisión do seu inmenso e documentado legado intelectual, conservado, fundamentalmente, na Colección Medina Sidonia.
Juana de Vega é descrita por Xosé Ramón Veiga Alonso como “unha filántropa excepcional, comprometida coa educación de infantes e adultos, mecenas das artes e muller de intensa vida intelectual, un perfil que, malia as achegas de novas biografías, continúa a definir a súa memoria colectiva”. “É moi posible que Xelmírez sexa o personaxe máis famoso de toda a historia de Galicia” afirma José Miguel Andrade na súa entrada. Destaca que foi a figura que simboliza o poder e a influencia que a Igrexa tivo na historia de Galicia. Impulsor da construción da catedral de Santiago, principal artífice das peregrinacións a Santiago, conectou Galicia con Europa. “Encargou a redacción da Historia compostelá, monumental crónica da súa vida, fazañas e sacrificios; o responsable da composición do Liber Sancti Iacobi, no que reuniu todos os materiais cultuais, eclesiásticos e haxiográficos que conformaban o culto xacobeo nos comezos do século XII” apunta. Lembra tamén que a súa época foi un período clave na traxectoria política e territorial de Galicia para o futuro xa que, por exemplo, Portugal foise afastando ata se converter nun reino independente.


