NOTICIA

----

O portal de divulgación culturagalega.gal presenta a súa renovación no Día dos medios en galego

Este sábado, 7 de febreiro, celébrase o Día dos Medios en Galego. A efeméride conmemora o día en que apareceu o primeiro número de O Tío Marcos d’a Portela, cabeceira pioneira dos medios en galego. No marco das celebracións do 150 aniversario daquel fito, o Consello da Cultura Galega (CCG) remodela culturagalega.gal, o seu portal de divulgación cultural. Un redeseño visual e novas funcionalidades para o portal cultural máis lonxevo en lingua galega, que conta a día de hoxe con 36.000 noticias.

O 10 de outubro de 2000, por iniciativa de Carlos Casares, presidente da institución naquel momento, presentouse ao público culturagalega.org, unha cabeceira dirixida por Manuel Gago, coa intención de poñer a cultura galega no mundo na era na que agromaba Internet. Desde entón, o portal mantivo a súa frecuencia de actualización e ofrece información en profundidade, sumando máis de 36.000 noticias.

Nestes vinte e cinco anos, o portal mudou ao dominio .gal e renovouse en dúas ocasións para adaptarse á evolución da tecnoloxía e aos novos hábitos e usos sociais. De feito, este redeseño forma parte da estratexia dixital da institución que, perante a tendencia actual de consumos cada vez máis segmentados, pon na rede ferramentas que contribúen a preservar o espazo común da cultura galega e a dar a coñecer máis iniciativas para expandir os públicos da cultura galega.


Con este novo redeseño, a plataforma evoluciona para funcionar como centro de recursos, reorganizando máis de 36.000 noticias para permitir buscas rápidas, filtrado por persoas, entidades, temas e tempo, e visualización previa dos contidos. Incorpóranse ferramentas como o sistema de busca instantánea, o módulo Universo para relacionar noticias, etiquetas, persoas e entidades, a personalización de intereses e a aprendizaxe do sistema a partir do uso. Mellórase a visualización das reportaxes e a posibilidade de gardalas. Créase a área “Bule-Bule” para centralizar información sobre exposicións, estreas, discos e revistas culturais. O sitio adáptase ao consumo móbil e reforza unha visión global da cultura galega no presente e no pasado recente.