NOTICIA

----

“Diálogos interxeracionais” busca promover as vocacións científicas con conversas con destacados profesionais

Como foi o primeiro envío dun correo electrónico en Galicia? E como foi posible a construción da Ponte de Rande? E a súa posterior ampliación? Os seus protagonistas explícano no marco do proxecto “Diálogos Interxeracionais”, promovido pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Elena Vázquez Cendón. Javier Méndez Zunzunegui é o responsable desta iniciativa que busca fomentar vocacións científicas mediante conversas distendidas entre alumnado de bacharelato e profesionais. As gravacións das primeiras sesións, sobre a evolución da física e da enxeñaría de camiños en Galicia, xa están dispoñibles. A vindeira cita terá lugar en Nigrán, o 26 de marzo, e afondará na evolución da enxeñaría aeronáutica e do espazo con Isaura Clavero, Yanina Hallak e Claudia Álvarez Souto.

O Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia é a data escollida para poñer en rede os materiais que recollen o legado de profesionais cuxas traxectorias permiten ver a evolución tecnolóxica e da investigación no noso país.

Unha viaxe pola física
Na primeira sesión participaron Carlos Pajares Vales, profesor emérito e exreitor da USC; Elena González Ferreiro, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), e Clara Nieto Lado, alumna de primeiro curso do grao en Física. Na súa intervención, Pajares apuntou varias anécdotas que ilustran a apertura internacional da universidade e da ciencia galega, como aquela na que Domingo García-Sabell paseaba e tomaba viños pola rúa do Franco co premio Nobel de Física Erwin Schrödinger, símbolo dunha Compostela intelectualmente viva. Tamén contou as súas prioridades como primeiro decano da Facultade de Física, coa teima de introducila na comunidade científica internacional, impulsando a publicación en revistas especializadas e as estadías no estranxeiro para coñecer de primeira man o que se facía noutros países. Nesa mesma liña pioneira, rememorou a implantación do correo electrónico na Universidade de Santiago, a primeira de Galicia en facelo: para demostrar o seu funcionamento convocou a prensa e enviou unha mensaxe a Alfonso Vázquez Ramallo, físico que daquela traballaba no CERN, en Suíza.

Tamén se falou do actual IGFAE na USC, do impacto da informática na investigación e tamén na nosa sociedade, da colaboración e investigación en centros internacionais como o CERN, de cales eran e cales son agora as perspectivas laborais dos graduados e graduadas en Física, así como da cada vez máis importante relación entre muller e ciencia.

A Ponte de Rande: unha obra icónica e un fito tecnolóxico
A segunda conversa, co alumnado do IES de Chapela, abordou a Ponte de Rande, obra icónica da enxeñaría de camiños en Galicia, desde a súa construción ata a súa ampliación. Interviron Ramón Ramos Duro, durante moitos anos enxeñeiro responsable da Unidade Técnica de Audasa; Ana Fernández Prieto, directora das obras de ampliación da Ponte de Rande, e Noelia Fernández Rodríguez, alumna de mestrado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

No encontro falaron de temas como os estudos de enxeñaría antes e agora, o impacto da informática nos cálculos que precisan facer os enxeñeiros, a incorporación da muller aos estudos superiores técnicos e as perspectivas laborais pasadas e futuras dos graduados e graduadas en Enxeñaría de Camiños.

Ramón Ramos lembrou a construción da Autopista do Atlántico, pero tamén a xénese da súa ampliación. “Contactamos con Manuel Juliá, enxeñeiro que participou con Florencio del Pozo no deseño do proxecto e na obra. Alí descubrimos que gardaba planos delineados por el, cálculos feitos a man… que permitiron deseñar como se executaría a ampliación”, apuntou. De feito, Ana Fernández, responsable das obras de ampliación, narrou os retos desta obra pioneira na que traballaron máis de 500 operarios. “Foi unha obra pioneira, nunca antes se fixera no mundo e había que facelo todo novo e probalo previamente con tres condicións: tráfico aberto, nula afección medioambiental e aproveitar a capacidade estrutural da ponte”, explica.

A terceira edición
Nigrán acollerá o terceiro encontro deste proxecto, que falará da enxeñaría aeronáutica e do espazo coa participación de Isaura Clavero Paradiñeiro, primeira enxeñeira aeronáutica española; Yanina Hallak Fiorenza, cofundadora e directora executiva de UARX Space, e Claudia Álvarez Souto, exalumna da primeira promoción do Máster en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo. Tres profesionais que conversarán co alumnado do IES Val Miñor o vindeiro 26 de marzo.