NOTICIA

----

A institución entregará as súas medallas de honra o vindeiro 24 de febreiro

O Consello da Cultura Galega (CCG) entregará as súas medallas de honra o vindeiro martes 24 de febreiro. A celebración terá lugar na sede da institución e será retransmitida en directo a través de Internet. Os galardoados son a filóloga estadounidense Kathleen March e o edafólogo Francisco Díaz-Fierros, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento da acción do CCG.

O plenario do Consello da Cultura Galega acordou na sesión celebrada o pasado 24 de outubro de 2025 recoñecer coa súa máxima distinción a Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros polo seu apoio na difusión e visibilización da actividade da institución. A Medalla do Consello da Cultura Galega foi creada en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende salientar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea.
Os anteriores homenaxeados foron Luis García Montero e Helena González en 2022; e Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato, en 2018.

Os homenaxeados
Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1941) é doutor en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola nesta universidade, participou activamente na investigación sobre solos galegos, climatoloxía agraria, interacción solo-auga e o efecto dos incendios forestais. Ademais da súa actividade científica, Díaz-Fierros defendeu unha visión humanística da ciencia, realizou ensaios e traballos sobre a relación entre a ciencia, a cultura e o galego. Foi un dos membros fundadores do CCG onde tivo diferentes cargos de responsabilidade. Impulsou a creación da Sección de Ciencia e contribuíu a manter unha liña de traballo continuada que prestou atención á cultura científica e a promover publicacións científicas en galego.

Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) é unha filóloga e investigadora estadounidense especializada en estudos hispánicos, latinoamericanos e portugueses, con especial dedicación á literatura galega. Doutorouse en Filoloxía Hispánica e foi profesora de Español na University of Maine, onde tamén dirixiu o Centro de Estudos Galegos. Boa parte da súa carreira estivo orientada á tradución, difusión e análise crítica da literatura galega, nomeadamente da obra de Rosalía de Castro, co que contribuíu de forma notable á proxección internacional da literatura galega. En 1985 fundou a Galician Studies Association, xénese da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxectivo de promover a investigación no eido das letras galegas desde a academia norteamericana e despois ampliada ao ámbito internacional. No CCG foi a impulsora e coordinadora científica do proxecto Seara, un espazo web que ofrece en galego e en inglés unha escolma que percorre a historia da literatura galega.