No encontro estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o xerente do CCG, Marcelino Fernández. Ambas partes destacaron a boa acollida das iniciativas que se desenvolven conxuntamente no ámbito cultural, acadando un impacto significativo na promoción e preservación da memoria da emigración, tanto a nivel nacional como internacional. Os representantes autonómicos reafirmaron o seu compromiso con esta colaboración, coa intención de seguir fortalecendo os lazos entre as institucións e promover aínda máis o coñecemento sobre o legado da emigración galega.
Na xuntanza asinouse o acordo que posibilitará a realización de actividades de promoción da emigración galega, nomeadamente a difusión de exposicións e a publicación de libros de temática emigratoria, así como un proxecto de memoria gráfica da arquitectura indiana en Galicia. Tamén a localización, inventariado e dixitalización de documentación e publicacións de sociedades de emigrantes galegos, así como doutros fondos documentais relacionados coa emigración galega.


