A entrada ofrece un amplo percorrido vital e intelectual pola súa traxectoria, desde a infancia en Vilalba ata a súa consolidación como un dos autores galegos máis lidos e recoñecidos dentro e fóra de Galicia. O texto destaca o peso decisivo da educación, da lectura e do compromiso coa lingua e coa renovación pedagóxica na súa vida. A biografía lembra que Vilalba foi sempre o seu “centro do mundo”, escenario dunha infancia marcada polos libros, os tebeos, o cine e as historias orais que alimentarían posteriormente o seu universo literario.
Ao longo da entrada recóllese tamén a súa intensa actividade como docente, renovador pedagóxico e activista cultural. A súa participación en colectivos como Nova Escola Galega, Avantar ou ProLingua aparece ligada a unha concepción da educación e da literatura como ferramentas de transformación social.
A biografía subliña igualmente a dimensión ética e política da súa obra, así como a súa capacidade para conectar con varias xeracións de lectoras e lectores. Nela afírmase que “como voz autorizada en temas relacionados coa educación, a sociolingüística, a lectura ou a literatura infantil e xuvenil, reclámano en foros nacionais e internacionais”.
O percorrido pola súa obra lembra títulos xa clásicos como Cartas de inverno, Contos por palabras, O único que queda é o amor ou Aire negro, así como os numerosos premios e recoñecementos que recibiu ao longo da súa carreira, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.
A entrada conclúe reivindicando a dimensión humana e o legado cívico dun autor que mantivo ata o final o seu compromiso coa lingua, coa lectura e co país. “Cambiar o mundo e cambiar a vida”, título do discurso pronunciado na súa despedida como docente, aparece tamén como síntese dun pensamento e dunha traxectoria que deixaron unha profunda pegada na cultura galega contemporánea.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con 795 entradas, das cales as máis recentes son as de África Leira, Concha do Canizo, a entrada colectiva da plataforma galega de dereito ao aborto, Heidi Kühn-Bode ou Luisa Villaverde. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.


