A mostra ofrece unha aproximación ao universo creativo e persoal de Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025), fotógrafa pioneira cunha obra marcada polo compromiso social e pola atención ás persoas e comunidades situadas nas marxes dos discursos oficiais. Comisariada por Adra Pallón, xunto con Maria Planas e Sílvia Omedes, da Fundación Photographic Social Vision, a mostra achégase a unha grandes cronistas visuais dos movementos sociais e das transformacións vividas en Galicia e Cataluña durante as décadas de 1970 e 1980.
A exposición amosa fotografías realizadas durante a etapa que a fotógrafa catalá viviu en Galicia e cuxo fondo doou ao CCG para a súa custodia, salvagarda e posta en valor. A autora chegou a Galicia en 1975 para documentar a construción de vivendas no poboado xitano do Vao, en Pontevedra, e acabou instalándose en Santiago de Compostela, desde onde desenvolveu un intenso traballo fotográfico para medios como Interviú e Primera Plana. Durante aqueles anos, Turbau retratou algúns dos episodios máis significativos da Galicia da Transición: as mobilizacións veciñais e sociais, as protestas contra a construción da AP-9, a realidade do hospital psiquiátrico de Conxo ou a vida no rural galego. As súas imaxes convertéronse nun testemuño fundamental para comprender os procesos de cambio político, social e cultural que marcaron a fin da ditadura e o inicio da democracia.
A exposición presenta unha selección de fotografías procedentes dun arquivo de máis de 40.000 imaxes, moitas delas inéditas, e propón un percorrido que permite descubrir non só a dimensión documental da súa obra, senón tamén a súa mirada profundamente humana e ética. O proxecto expositivo foi concibido a partir da revisión do seu legado fotográfico e das súas reflexións persoais, incorporando a voz da propia autora como fío condutor do relato.


