----

A cabeceira histórica El Gallego súmase ao “Repertorio da prensa da Emigración Galega”

“Todo por España y para Galicia” era o lema da cabeceira El Gallego, un dos primeiros xornais galegos editados na Arxentina a finais do XIX. Preto de sesenta números desta cabeceira histórica incorpóranse ao “Repertorio da prensa da emigración galega”, proxecto de dixitalización e difusión de xornais creados pola colectividade emigrada que se custodian no Arquivo da Emigración Galega.

O xornal El Gallego naceu, como moitas outras cabeceiras da emigración galega, para informar aos emigrantes da actualidade galega e da colectividade emigrada. Ademais de novas do que acontecía en Galicia e América, contaba con artigos culturais, colaboracións literarias dos máis recoñecidos escritores e intelectuais galegos do momento, biografías de persoeiros ilustres e noticias sobre temas políticos a nivel nacional. Fundada e dirixida por César Cisneros Luces chegou a ter tres etapas. A segunda, que se corresponde con 1883, tivo escaso percorrido, a penas durou uns meses. Nesta ocasión súbense 20 exemplares desta etapa.

O seu fundador volve intentar este proxecto xornalístico cinco anos despois, en 1888, e consegue publicar un xornal coa mesma cabeceira e co mesmo lema, no que pretende difundir os seus ideais de defensa da cultura galega no seo da sociedade arxentina, nun momento de crecente afluencia de emigrantes galegos neste país. Segundo as súas palabras El Gallego reaparece «para desplegar la bandera del renacimiento galiciano, que es bandera de concordia y de paz para los elementos que creemos afines (…) lograr la rehabilitación merecida de nuestro bello y gran país». Faino nun momento no que a identidade galega está a ser menospreciada por parte da prensa arxentina e mesmo española, e aspira a dignificar a cultura e costumes galegos e a espallar o renacemento da literatura e da música galegas «renace EL GALLEGO para sostener, difundir y fomentar todas esas cosas (...) Tal queremos, al renacer, como gallegos, y como españoles que somos, la solidaridad de la gloria y la grandeza difundida en el adelanto de muchos pueblos». Da terceira etapa difúndense 40 exemplares.

O “Repertorio da prensa da emigración galega”
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o “Repertorio da prensa da emigración galega”, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega.
Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.

Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse números novos de Vida Gallega, El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO; ou 155 números da publicación semanal Galicia, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina.