O encontro reunirá profesionais do ámbito xurídico, da xestión cultural, da creación artística, da universidade, das asociacións profesionais e das institucións culturais co obxectivo de favorecer un diálogo entre os distintos axentes do sector. A proposta busca identificar necesidades compartidas, formular achegas e contribuír á elaboración dun documento de conclusións que será presentado tras a celebración do segundo encontro, previsto para o mes de setembro.
A primeira mesa abordará o marco xurídico e legal das institucións culturais. Participarán Roger Dedeu, avogado e socio fundador da Fundación Gabeiras, entidade especializada en dereito da cultura, propiedade intelectual e políticas culturais, e Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, investigador en administración pública e lexislación cultural. A sesión estará moderada pola coordinadora da sección, Paula Cabaleiro.
A segunda mesa centrarase na xestión dos museos e centros de arte desde a perspectiva das asociacións profesionais independentes. Intervirán María Gil, en representación da Asociación Vegliota, dedicada á investigación, mediación e produción cultural; Agustín Pérez Rubio, presidente da Asociación de Directoras e Directores de Arte Contemporánea de España (ADACE) e comisario con experiencia á fronte de institucións como o MUSAC e o MALBA; Iria Vázquez, da Asociación A Colectiva, entidade que agrupa profesionais das artes visuais en Galicia; Clara R. Cordeiro, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), organización que representa ao colectivo profesional da xestión cultural galega; e Holga Méndez, representante de Mujeres en las Artes Visuales (MAV), asociación estatal que traballa pola igualdade de oportunidades no ámbito das artes visuais. A moderación correrá a cargo de Patricia Verdial, profesional da xestión cultural.
A terceira mesa reunirá representantes de entidades culturais, do ámbito universitario e do sector galerístico. Participarán Ignacio Barcia Rodríguez, membro do Instituto de Arte Contemporáneo (IAC), entidade que promove boas prácticas na xestión das institucións artísticas; Mónica Alonso, representante da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA); Federico López Silvestre, profesor do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e investigador en estética e arte contemporánea; Chus Villar, presidenta de CONTEMPORÁNEA. Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, que representa ás galerías especializadas da comunidade; e Carmen Lage, profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, centro de referencia na formación artística en Galicia. A mesa estará moderada por Silvia García.
A sesión continuará con mesas de traballo participativas nas que persoas asistentes e relatoras se distribuirán en diferentes grupos para debater sobre os retos da xestión cultural, a transparencia nos procesos de selección, a participación profesional nas políticas culturais, a autonomía das institucións e os mecanismos para reforzar o sistema artístico galego. As dinámicas estarán coordinadas por Silvia García, Anxela Caramés, Patricia Verdial, Paula Cabaleiro e Luisa Pita.
O encontro rematará cunha posta en común das conclusións elaboradas polos distintos grupos de traballo. As achegas recollidas servirán de base para o segundo encontro sectorial, previsto para o 22 de setembro, e para a elaboración dun informe final que se presentará entre os meses de outubro e novembro de 2026.


