Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2010:- Foi a reivindicación dunha figura central da Historia de Galicia e dunha enérxica defensora dos dereitos da muller e dos débiles. O Consello da Cultura Galega acolleu esta tarde un acto de homenaxe a Rosalía de Castro (1837-1885), organizado polo Instituto de la Mujer do Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad. Interviron: Laura Seara, Directora do Instituto, Yolanda Castaño, poeta, e Pilar García Negro, catedrática de Literatura Galega da Universidade da Coruña.<!--more-->
O Instituto de la Mujer quixo conmemorar deste xeito o 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro con especial atención á figura da muller Rosalía, fundadora da Literatura Galega, pero tamén defensora dos máis dèbiles e, moi vivamente, dos dereitos da muller. “Unha feminista na sombra”, afirmou Laura Seara.
A poeta Yolanda Castaño leu unha epístola, prosa poética dirixida á autora de “Follas novas”, á Rosalía “miti e mistificada”, á “capitana do tesouro literario dun país pequeno”, á “muller-icceberg de coraxe planetaria para labrar un idioma”. Á “inadaptable” Rosalía de Castro.
A profesora Pilar García Negro, docta investigadora da obra e das circunstancias rosalianas, agradeceu a iniciativa de Laura Seara para dar a coñecer e reivindicar en xustiza “a nosa autora fundamental, que está moito por riba da media española e europea”.
García Negro combatiu, máis unha vez, os tópicos que rodearon e aínda rodean á poeta e á prosista autora de cinco novelas, á escritora ben poboada de lecturas, de facer premeditadamente racional, metafísica e combativa, decidida e reivindicativa, librepensadora e sensible, galega e defensora de Galicia. “Unha figura inintelixible se prescindimos do seu feminismo”, afirmou antes de rematar a intervención coa lectura do poema “A xustiza pola man”.
Unha nutrida representación da cultura, a universidade, os grupos parlamentarios galegos e a política municipal asistiu á homenaxe a Rosalía de Castro, celebrada no salón de actos do Consello da Cultura Galega.

