O Concello da Coruña presenta o AgoraSón do outono
16/9/2026
O Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña conmemorarán o Día das Bibliotecas do ano 2026 cunha nova edición do programa AgoraSón, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD...). A principal acción do programa é a celebración dun espectáculo musical, que nesta edición mesturará as sonoridades de Galicia e do Xapón, coas actuacións de A Banda da Loba, Icía Varela e Haruna Chatani.
O espectáculo terá lugar o 23 de outubro, ás 20:00 h, no Centro Sociocultural Ágora. A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do 14 de outubro entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar un préstamo de material en galego.