----

A nova edición de Youtubeiras+ conmemora os seus dez anos en rede

Baixo o lema Dez anos en rede, acaba de presentarse a décima edición dos Premios Youtubeiras+, unha iniciativa promovida por 10 concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo co obxectivo de promover a creación de contidos en galego en todas as redes sociais, así como visibilizar os perfís das persoas creadoras.

Poden optar a estes premios as persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame.
As canles deben ter a maioría dos seus vídeos en galego e un mínimo de tres publicacións subidas a partir do 16 de novembro de 2025, sen restricións de privacidade. Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) deben estar en galego. O xurado outorgará sete premios con dotación económica (que no seu conxunto suman un total de 7500 euros) e un oitavo honorífico á traxectoria (sen dotación económica).

O prazo de inscrición remata o 15 de novembro de 2026.

Na páxina web do proxecto tes toda a información.