O Parlamento de Galicia aproba un novo Plan xeral de normalización da lingua galega
8/10/2026
Na sesión plenaria do 7 de outubro de 2026, o Parlamento de Galicia someteu a votación a Proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, presentada polo Partido Popular e o Partido Socialista de Galicia. O resultado foi de 50 votos a favor, os dos propoñentes e Democracia Ourensana, e 24 en contra, do Bloque Nacionalista Galego.
Coa aprobación deste documento, decae o PXNL vixente, que acadara o consenso da Cámara. Outro motivo importante de crítica é a modificación do polémico "Decreto do plurilingüismo" de 2010. De excluír a docencia de materias de ciencias en galego, pásase a deixar esta decisión en mans dos centros, sempre e cando dar en galego estas materias supoña impartir en castelán as materias da área de Sociais, para manter as cotas establecidas no Decreto en 2010.
Os propoñentes advirten da necesidade dunha intervención urxente e destacan do plan as case 700 medidas resultado das achegas de profesionais, entidades, institucións e particulares. O conselleiro de Cultura explicou que as principais liñas de actuación deste documento céntranse na acollida e no arraigamento da poboación chegada de fóra de Galicia, na problemática da transmisión xeracional ou no reforzo da presenza do galego nas plataformas e aplicacións dixitais.