A gravación serviu para achegar o alumnado ao traballo do Consello da Cultura Galega e propiciar un diálogo arredor da literatura, os medios de comunicación e a preservación do patrimonio sonoro. A presidenta da institución, Dolores Vilavedra, conversou cos participantes sobre a súa vocación literaria e o papel e as funcións do CCG.
Pola súa banda, Manuel Gago, coordinador da Área de Contidos Dixitais, reflexionou sobre os retos e as perspectivas de futuro dos medios de comunicación galegos e en galego. Bea Pérez, técnica do Consello da Cultura Galega, explicou o traballo de dixitalización e os aspectos técnicos relacionados co Arquivo Sonoro de Galicia, así como a importancia de conservar e difundir a memoria sonora do país.
A visita enmárcase no labor do Proxecto Neo, que utiliza a radio como espazo de encontro, expresión e aprendizaxe, ao tempo que contribúe á promoción do galego entre a mocidade. O programa número 500 poderá escoitarse a través das emisoras colaboradoras: Radio Foz, na Mariña; CUAC FM, na Coruña; Radio Filispim, en Ferrol; Xente de Teo, en Compostela, e Radio Piratona, en Vigo.


