NOTICIA

----

Presentación do cupón conmemorativo de O Tío Marcos da Portela, no marco da celebración do 150 aniversario da súa aparición

O 1 de novembro, coincidindo coa data de nacemento de Valentín Lamas Carvajal, a ONCE dedicará o seu cupón ao 150 aniversario da publicación de O Tío Marcos d’a Portela, o xornal que o escritor e xornalista ourensán impulsou en 1876 e que marcou un fito fundacional na historia da prensa en galego. A iniciativa permitirá que cinco millóns e medio de cupóns leven por toda España a memoria desta publicación, pioneira na defensa da lingua e da identidade cultural galegas. A figura de Lamas Carvajal cobra un significado especial nesta conmemoración, que permite lembrar tamén a súa experiencia como persoa cega e poñer en valor unha intensa actividade literaria e xornalística dunha figura fundamental da cultura galega do século XIX. Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia; Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); David Cejudo Mayor, director da ONCE en Ourense; Afonso Vázquez-Monxardín, arqueólogo, catedrático de Lingua e Literatura Galegas e membro da Real Academia Galega; e Ana Malingre, tataraneta de Lamas Carvajal, presentaron esta mañá na delegación da ONCE en Ourense o cupón que se insire nos actos de celebración desta efeméride. O cupón estará á venda desde o xoves 22 de outubro.

A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, destacou “a condición de persoa cega de Valentín Lamas Carvajal, que non lle impediu pasar á historia como poeta, narrador e xornalista, e como promotor dun ideario de rexeneración cultural que procuraba arraigar no seo do pobo”, sinalou. Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE declarou que “este cupón recoñece e mostra ao mundo a realidade de algo que tamén nos atopamos coa discapacidade e nos medios de comunicación social que nos axuden e queremos que nos axuden a comunicar, como o noso querido Valentín Lamas Carvajal mostrous, que as persoas cegas tamén podemos ser escritores, periodistas ou creadores de contidos coa mesma calidade que demostrou xa no seu tempo”.

O Tío Marcos d’a Portela, pioneiro en moitos ámbitos
O Tío Marcos d’a Portela foi un xornal satírico e de opinión escrito integramente en galego que naceu en Ourense en 1876, impulsado por Valentín Lamas Carvajal. Baixo a súa dirección hai preto de 430 exemplares, 125 numeros entre 1876 e 1880, e 305 máis entre 1883 e 1889. A publicación tivo varias interrupcións ao longo de varios anos debido a dificultades económicas e á presión política, mais acadou unha notable difusión para a época, con tiraxes que chegaron a catro mil exemplares, algo excepcional nunha prensa en lingua galega e de carácter popular. Aínda que Lamas Carvajal foi o seu principal autor e alma do proxecto, o xornal contou tamén con colaboracións esporádicas doutros escritores e intelectuais galeguistas, que empregaban a sátira e a retranca para denunciar o caciquismo, as inxustizas sociais e a marxinación da lingua galega. Dirixida por Higinio Ameijeiras e Xavier Prado Rodríguez, entre os colaboradores figuraban Eladio Rodríguez González, Gonzalo López Abente, Manuel Losada Diéguez, Manuel Lugrís e Victoriano Taibo.

Valentín Lamas Carvajal, o cuarto pé do Rexurdimento
A celebración serve tamén para destacar a figura de Valentín Lamas Carvajal quen, ademais de poeta, narrador e xornalista, “actuou sobre a cultura galega do seu tempo e moi consciente do seu papel de promotor de ideas de restauración cultural no seo do pobo”, tal e como asegura Afonso Vázquez Monxardín na entrada biográfica publicada no Álbum de Galicia. Nela reivindícase a figura de Lamas e tamén da súa muller, Amalia Rosina, que era a que facía dos ollos e das mans do xornalista, que era invidente. Como xornalista destaca o seu labor en El Heraldo Gallego, en O Tío Marcos d’a Portela e El eco de Ourense. Como poeta Lamas publica en 1875 Espiñas, follas e flores. Primeiro ramiño, obra que ten un inmediato éxito popular, e que leva un prólogo que é un verdadeiro alegación en favor da lingua e a poesía en galego. Salienta del tamén as Dez cartas escritas pr’os gallegos, para animar ao público a asistir á Exposición Rexional organizada pola Sociedade Económica de Amigos do País en Santiago que transmiten un compromiso social e nacional de grande intensidade, que o converten, segundo Monxardín, no “cuarto pé do Rexurdimento”.

O peche dun ano cultural
Este 2026 ofreceu unha oportunidade para recuperar a memoria dunha publicación esencial na historia da comunicación en galego e reivindicar o legado de Lamas Carvajal, que entendeu a prensa como unha ferramenta de defensa da lingua, de expresión colectiva e de transformación cultural. Unha celebración que se estendeu ao longo do ano e que contou cunha variedade de formatos nos que se incluía un roteiro, un legado, a dixitalización da cabeceira e outras accións de difusión.

Datos do cupón
O cupón da ONCE do domingo 1 de novembro estará dedicado ao 150 aniversario da publicación de O Tío Marcos d’a Portela. Cinco millóns e medio de cupóns difundirán esta efeméride por toda España.
O Sueldazo del Fin de Semana da ONCE ofrece todos os sábados e domingos un premio principal de 300.000 euros ás cinco cifras e serie, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos para un único cupón. Ademais, contempla premios de 2.000 euros ao mes durante 10 anos consecutivos para outros catro cupóns.

Os cupóns da ONCE comercialízanse a través dos máis de 21.400 vendedores e vendedoras da organización. Tamén se poden adquirir en www.juegosonce.es e nos establecementos colaboradores autorizados.