O volume recupera o legado de Antonia Diéguez, coñecida popularmente como a tía Antonia, nacida en 1914 na aldea de Atás, no concello ourensán de Cualedro, que conservou ao longo da súa vida numerosas letras e melodías que aprendera no seu contorno. Entre as súas fontes de aprendizaxe destaca o cego violinista de Vences, un dos últimos músicos ambulantes tradicionais da comarca de Verín, que lle transmitiu parte do seu repertorio. O CCG contribuiu con este traballo á edición en formato dixital deste material, do que se conservará unha copia no Arquivo Sonoro de Galicia.
O traballo de Foxo vai máis alá da recompilación de cancións e constitúe un documento sobre os costumes, as formas de relación e os espazos de socialización da sociedade tradicional galega. As pezas recollidas permiten achegarse a unha cultura na que a música acompañaba a vida cotiá, o traballo, as celebracións e a transmisión de historias de xeración en xeración.
O cancioneiro reúne composicións de distintos xéneros da literatura popular cantada, entre os que figuran os cantares de cego e os romances, con historias narrativas transmitidas oralmente; os desafíos, nos que as coplas servían para o enfrontamento verbal entre cantores; e os cantos de labor, vinculados ás tarefas agrícolas, como a sega. Inclúe tamén cantos de Reis e panxoliñas propias do ciclo do Nadal, así como melodías de gaita que forman parte do repertorio da música tradicional.
A publicación de *Cantares da tía Antonia de Atás* contribúe a preservar un patrimonio inmaterial que, sen o labor de persoas como Antonia Diéguez e de investigadores dedicados á súa recollida e documentación, correría o risco de desaparecer. A obra permite así coñecer a riqueza e diversidade da tradición musical galega e recoñecer o papel das persoas que, desde o ámbito local, actuaron como depositarias e transmisoras dunha memoria colectiva.
O Mapa Sonoro de Galicia
O Mapa Sonoro de Galicia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que naceu co obxectivo de ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística, ou de sons da natureza, do ambiente ou da actividade humana.
As melodías recollidas no Cantares da tia Antonia de Atás incorporaranse ao Mapa Sonoro de Galicia no que tamén se poden localizar cancioneiros como os que figuran nas publicacións Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, Cancioneiro de Oencia ou o Cancioneiro Antropolóxico, que recolle os cantares e a tradición musical das montañas do Lor e as terras de Quiroga, en Lugo.


