Na entrevista, Margarita Ledo repasou a súa memoria familiar e os primeiros pasos no compromiso político, marcado polo apoio de súa nai, pola educación recibida do seu pai e pola perda. Lembrou o punto de inflexuion que se produce nela o recitado do poema “Vietnam canto” a cargo do propio autor, Uxío Novoneyra, na Coruña. Falou de como entrou en contacto coa UPG desde Barcelona e posteriormente da súa etapa en Galicia na clandestinidade ata a marcha a Portugal, no que cualificou como unha etapa difícil. Nela destacou o papel da cultura como motor de conciencia e de mobilización
Da súa etapa no xornalismo, lembrou que foi outra forma de intervención na realidade e de compromiso coa lingua galega. Tras abandonar El Ideal Gallego por razóns ideolóxicas, Ledo impulsou o semanario A Nosa Terra, cuxo primeiro número saíu en decembro de 1977, co obxectivo de crear un espazo informativo propio e contribuír á normalización do galego. Máis adiante, a docencia universitaria permitiulle prolongar ese compromiso, vinculando a formación xornalística coa reflexión sobre a comunicación, a cultura e a construción dun relato propio de Galicia.
En clave actual, destacou que os medios de comunicación desempeñan un papel fundamental na construción das mentalidades e na normalización de determinadas ideoloxías. A autora chamou a atención sobre a capacidade dos sistemas mediáticos para converter determinadas narrativas en verdades aceptadas. Abordou tamén a crise climática, as transformacións políticas e sociais e apuntou á necesidade dun cambio de modelo. Ledo expresou as dúbidas sobre a capacidade das sociedades para reaccionar a tempo ante unhas consecuencias que xa comezan a facerse visibles, pero tamén deixou aberta a posibilidade dunha saída.
A súa traxectoria pódese descubrir a través dun espazo web do Consello da Cultura Galega– a cartografía- que elaborou o CDIF e que pesentou Mariam Mariño no marco da xornada. Contén máis de 300 items con imaxes, textos e outra documentación que ofrece un percorrido exhaustivo coa traxectoria personal e profesional da homenaxeada.
Unha xornada con voces que dialogan coa súa obra
A sesión comezou con Carmen Ciller, profesora da Universidad Carlos III, destacou a singularidade de Margarita Ledo no sector audiovisual galego, pola súa dobre dimensión de cineasta e investigadora e pola conexión entre a reflexión teórica, a creación e o compromiso político. Cunha traxectoria de catro décadas, a súa obra contribúe a reconstruír a historia do cinema militante en Galicia e a consolidar os estudos cinematográficos galegos. A súa mirada, vinculada á identidade galega e ao feminismo, está presente en filmes como Nación e Prefiro condenarme, nos que as mulleres e a reivindicación dos seus dereitos ocupan un lugar central.
Ciller salientou tamén a importancia dos recursos que Ledo incorpora á súa linguaxe cinematográfica —imaxes de arquivo, fotografías, vídeos familiares e materiais documentais— para recuperar memorias e voces con escasa representación histórica. Neste percorrido, puxo en valor o seu perfil académico, a súa contribución á creación e recuperación da produtora Nós e o proxecto de patrimonialización audiovisual iniciado en 2023 arredor do seu legado familiar, unha iniciativa singular no contexto estatal.
As intervencións de Xisela Franco, Lorena López e Rosa Aneiros, na mesa Furar os silencios, moderada por Rexina Vega, permitiron afondar nas múltiples dimensións da obra de Margarita Ledo. Franco destacou a singularidade dunha traxectoria que combina creación cinematográfica e reflexión teórica, así como o uso de imaxes de arquivo, fotografías e documentos para recuperar memorias e voces silenciadas. Sobre esa capacidade de conectar conciencia e transformación, lembrou que «se non imos cara a conciencia de todo o que se destrúe, non somos capaces de movernos desde a desesperanza cara a esperanza». Pola súa banda, López reivindicou a forza dunha narrativa novidosa e incómoda, que rompeu coas convencións e que aínda precisa de máis lectura e análise crítica. Ao lembrar a recepción de Mamafé, recuperou a expresión «un bo cachete para o lector acomodado deste país».
Rosa Aneiros centrouse na pegada de Ledo na formación xornalística e na defensa do galego como lingua para construír un relato propio do país. Evocou a súa docencia «descarada, retadora, suxestiva e provocadora», que convidaba a «quitar as anteolleiras para observar a realidade enteira» e a «ensanchar as marxes». Tamén salientou a súa capacidade para reunir referentes da comunicación, da historia e da política nas aulas de Mazarelos e para impulsar unha cultura xornalística comprometida coa lingua e coa igualdade. As tres intervencións coincidiron en presentar a autora como unha figura que conecta creación, pensamento e compromiso político, capaz de cuestionar os relatos dominantes e recuperar as voces das mulleres que quedaron nos ángulos mortos da historia.
A mesa de peche “A doa que rola”, contou coa participación da xornalista Tereixa Navaza, da escritora e poeta Eva Veiga, Soliña Barreiro, docente da Universidade de Santiago de Compostela, e Adriana Villanueva, produtora creativa de Illa Bufarda, moderada por Belén Puñal, que trouxeron a memoria algúns episodios da biografía de Margarita Ledo.
De pioneiras e andainas
O ciclo «De pioneiras e andainas», impulsado desde 2009 polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega, rende homenaxe a mulleres que abriron camiños en ámbitos diversos da cultura, a ciencia, o pensamento, a comunicación, a arte e a sociedade galegas. Ao longo das súas edicións, o ciclo recoñeceu as traxectorias de Xohana Torres, María Josefa Wonenburger Planells, Olga Gallego Domínguez, María Xosé Agra Romero, Tereixa Navaza, Mabel Rivera, Xela Arias, Luísa Villalta, Elena Colmeiro, Sofía Casanova, Mary Quintero, Kathleen March, Pascuala Campos de Michelena, Mercedes Goicoa, Carmela Porteiro, Nieves Fernández Vidueira, Marta Bobo, Elena Ferro, María Xosé Agra, María Xosé Queizán e María Xosé Porteiro.






