A Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Gales conta, desde o pasado 1 de novembro, cun Centro de Estudos Galegos, que se une aos outros 41 centros de estudos, cátedras ou lectorados que xa existen en diferentes universidades do exterior.
Este novo centro de estudos quere constituírse nun punto de encontro e reflexión en Gales e no Reino Unido arredor da investigación interdisciplinaria sobre a Galicia contemporánea. Ademais das tarefas de docencia da lingua galega, as principais liñas de investigación do centro serán o bilingüismo, a identidade cultural e a súa importancia nas culturas galega e galesa.