----

"Emigrantas" achega a memoria das mulleres da emigración galega aos escaparates da Coruña

O Consello da Cultura Galega (CCG) participa no proxecto “Memoria Migrante (en) Movemento” - presentado polo Galgo Espazo Cultural da Coruña- a través da exposición “Emigrantas”. Parte dos contidos desta mostra exhibiranse nos escaparates de establecementos do barrio coruñés de Agra do Orzán. Esta iniciativa permitirá achegar o relato expositivo da mostra que documenta a historia da emigración galega en clave feminina a espazos cotiáns do barrio e visibilizar as experiencias e as memorias das mulleres migrantes, contribuíndo a promover o recoñecemento da diversidade cultural e o diálogo intercultural.

A exposición “Emigrantas”, promovida polo Consello da Cultura Galega, inaugurouse no Quiosco Alfonso da Coruña. A mostra afonda nas experiencias das mulleres galegas emigrantes e recupera as súas historias, as súas vivencias e o seu papel nos procesos migratorios, contribuíndo a incorporar a perspectiva de xénero á memoria da emigración galega. A súa presenza nos escaparates dos comercios de hostalaría vinculados á poboación migrante da Agra do Orzán permitirá prolongar o percorrido da exposición e establecer un diálogo entre a memoria da emigración galega e as experiencias migratorias actuais.

Memoria Migrante (en) Movemento é un proxecto cultural que nace coa vontade de humanizar as narrativas sobre as migracións e construír novos discursos fronte ás manifestacións de xenofobia, glotofobia e racismo. A proposta toma como punto de partida a propia historia da Agra do Orzán, un barrio coruñés conformado tamén polos movementos migratorios: primeiro, coa chegada de poboación procedente do rural galego nas décadas dos anos sesenta e setenta e, na actualidade, coa presenza de comunidades procedentes de América, Asia, África e Europa. O proxecto desenvolverá unha programación cultural diversa e participativa, construída xunto co colectivo migrante, con obradoiros, faladoiros, presentacións, exposicións e encontros comunitarios arredor da memoria, a identidade, a arte e a cultura de paz.