NOTICIA

----

A presidenta visita a Escola Mestre Mateo

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, visitou a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, onde foi recibida polo seu director, Juan Adrio. Durante o percorrido polas instalacións puido coñecer de primeira man o funcionamento do centro, os seus ámbitos de formación e os proxectos que desenvolve o alumnado nas distintas especialidades.

A visita permitiu coñecer de primeira man a versatilidade dunha escola que abrangue diferentes disciplinas da creación artística e do deseño de producto, moda e fotografía. Vilavedra coñeceu os espazos de traballo e os procesos formativos, así como unha selección de proxectos que puxeron de manifesto a calidade das propostas, a diversidade de linguaxes e o talento creativo do alumnado.

O encontro serviu tamén para intercambiar impresións sobre o papel do ensino artístico na formación de novos profesionais e na dinamización da cultura galega, así como para explorar posibles vías de colaboración entre a Escola Mestre Mateo e o Consello da Cultura Galega. Esta aproximación enmárcase na vontade do Consello de manter un diálogo activo cos centros de formación artística e apoiar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento, á difusión e á proxección da creación contemporánea en Galicia.