A presidenta, Dolores Vilavedra, salientou a importancia desta actividade ao fío das actividades deseñadas para o 25N, Dia contra a eliminación da violencia de xénero, do CDIF. "Poñer o Consello en negro é unha decisión sanadora", afirmou. A presidenta incidiu tamén na capacidade da cultura para estimular preguntas e contribuír a canalizar experiencias como o trauma, o medo, a violencia e a ira cara a espazos positivos, creativos, de reflexión e acción. "Unha campaña coma esta serve para tomar conciencia de que podemos facer algo e facernos preguntas", sinalou.
Pola súa banda, Uqui Permui explicou que a iniciativa naceu a partir dun encargo de Lucía Canoura para a campaña do 25N de 2015. Desde o principio, a súa intención foi afastarse da representación das mulleres como vítimas e apostar por unha linguaxe visual centrada na reivindicación e no empoderamento. "Nunca me gustou proxectar a imaxe de muller vítima. Intento fuxir dese retrato, porque penso que xa hai demasiado imaxinario", explicou.
Trala apertura, a deseñadora Uqui Permui mantivo un diálogo coa politóloga e docente Marta Lois. Na conversa, Permui destacou que En negro contra as violencias foi concibida desde o comezo como unha acción colectiva, aberta a que cada persoa ou entidade puidese facela súa. Unha das súas singularidades foi precisamente a vontade de compartir os materiais, os deseños e as ideas para que calquera concello ou colectivo puidese sumarse, independentemente dos seus recursos ou da súa cor política. Un modelo de traballo que facilitou especialmente a participación de municipios rurais, algúns dos cales incorporaron por primeira vez unha acción específica arredor do 25N. Fixo un percorrido pola dimensión internacional que adquiriu a campaña, que tivo un punto central coa experiencia desenvolvida en Bruxelas en 2017, na que participaron máis de cincuenta persoas e representantes de distintos concellos. Para a responsable da mostra, un dos aspectos máis relevantes da iniciativa foi a súa capacidade para implicar tamén os homes na denuncia da violencia machista, entendida como un problema que interpela o conxunto da sociedade. "Ten vida propia e eu apoio e axudo", explicou sobre unha campaña que segue medrando a través de novas colaboracións, formatos e accións.
Pola súa banda, Marta Lois lembrou os inicios do proxecto e a vontade de construír unha campaña con impacto no espazo público, capaz de facer que a cidadanía se detivese e reflexionase. Lois explicou como a proposta inicial evolucionou a partir das achegas de Uqui Permui cara a unha linguaxe que evitase a revitimización das mulleres e cuestionase os estereotipos asociados á violencia machista.
A exconcelleira destacou a dimensión municipal e transversal da iniciativa, así como o seu carácter compartido: unha campaña que naceu en Santiago, pero coa vontade de deixar de pertencer a unha única institución para converterse nunha ferramenta colectiva. Lembrou tamén accións como a incorporación dos escaparates comerciais, a permanencia dos materiais nos establecementos ao longo de todo o ano ou a posta en marcha dun autobús vinilado de negro, que percorreu as parroquias e incorporou a participación de grupos de mulleres do rural vinculados aos obradoiros de empoderamento.
A mostra enmárcase no traballo do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, que mantén o seu compromiso coa visibilización e denuncia das violencias contra as mulleres e coa desmontaxe das estruturas patriarcais que as sustentan. Un labor que procura tamén cuestionar a consideración da vida das mulleres como algo secundario e das súas mortes como feitos anecdóticos.



