----

O Consello da Cultura e o Consorcio da Zona Franca de Vigo presentaron o informe “O sistema produtivo da cultura en Galicia”

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2010.- Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura e María Teresa Pisano, Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, presentaron hoxe na sede da Zona Franca en Bouzas (Vigo) o informe O sistema produtivo da cultura en Galicia: unha visión económica. O informe analiza por primeira vez o impacto económico que teñen no noso país o conxunto das empresas da cultura. O informe analizou unha mostra de entre 700 e 900 empresas do que se pode considerar sector cultural. Entre as principais conclusións do informe atópase que a industria cultural supón un 1,9% do Produto Interior Bruto da economía galega (superior ao da pesca e o da confección e textil) e revélase como un sector con importantes posibilidades de desenvolvemento, aínda que moi atomizado. Entre os sectores máis relevantes está o da edición. O informe “O sistema produtivo da Cultura en Galicia: unha visión económica” foi elaborado polo Servizo de Información ARDAN en colaboración co Observatorio da Cultura Galega. Pode consultarse e descargarse íntegro en http://empresas.consellodacultura.org.