Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2010.- O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou esta tarde o programa de actividades para o 2011, cunha especial presenza dos actos conmemorativos do primeiro centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Aprobouse asemade a creación dunha comisión para elaborar un informe sobre as Fundacións Culturais Galegas. O máximo órgano da institución deu o seu visto e prace aos presupostos para o novo ano e aceptou a incorporación do Consello ao “Instituto de Lenguas de la Península Ibérica”.<!--more-->
As actividades do Consello da Cultura Galega en 2011 estarán marcadas por un programa de actos conmemorativos do I centenario do nacemento do xenial escritor, fabulador e xornalista Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). Un programa que o Presidente da institución, Ramón Villares, cualificou como “ambicioso” a que se levará a cabo conxuntamente coa Xunta de Galicia, as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, a Real Academia Galega e os Concellos de Mondoñedo e Vigo. O programa previsto incluirá, entre outras actividades, un congreso a celebrarse no mes de setembro.
Foi aprobada asemade a proposta para a elaboración dun informe sobre as Fundacións Culturais Galegas e a creación da correspondente Comisión, así como a incorporación do Consello da Cultura Galega á Fundación “Instituto de Lenguas de la Península Ibérica”.
Aprobouse finalmente a preparación dunha exposición sobre o Asociacionismo Cultural Galego e as súas contribucións socioculturais. O proxecto expositivo partirá de 1961, ano da creación da pioneira Asociación Cultural “O Galo”, en Santiago de Compostela.

