Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2010.- Entre o modelo agregativo -os políticos móvense polos seus intereses- e o deliberativo -na liña da razón e as consideracións morais- a politóloga Chantal Mouffe rescatou o papel crucial desempeñado polas paixóns na creación das identidades políticas colectivas no seu modelo agonista de democracia. Foi ise o fío conductor do seu relatorio “Política democrática e pluralismo agonista”, pronunciado esta tarde no Consello da Cultura Galega, no curso de seminario interdisciplinar “Os sentidos das culturas”, coordinado por Ramón Maiz. A profesora de Teoría Política na Universidade de Westminster-Londres alertou sobre os perigos dun consenso, que conduce á apatía e á desafección pola participación política e receou do empeño en celebrar o esvaecemento das fronteiras esquerda-dereita. Para Chatal Mouffe (Bélxica, 1943), unha das pensadoras mais influíntes na filosofía política actual, a cuestión a resolver pola política democrática é como establecer a distinción nós-eles, un elemento constitutivo da política, dun xeito compatible co recoñecemento do pluralismo. Non se pode nin se debe erradicar o conflito e debemos ver aos demais “non como inimigos que hai que destruir, senón como adversarios contra cuxas ideas se vai loitar, sen pór en dúbida o seu dereito a defender esas ideas”. Trátase de que o conflito non adopte a forma de antagonismo (pelexa entre inimigos), senón de agonismo (pelexa entre adversarios). Iso quere dicir que a política democrática debe transformar en agonismo un potencial antagonismo”. O antedito non deixa de lado o consenso, pero entende que debe ir acompañado da disensión. “É preciso que haxa consenso sobre as institucións que son constitutivas da democracia e sobre os valores ético-políticos que deben caracterizar a asociación política, mais sempre haberá desacordo verbo do significado deses valores e de cómo se deberían levar á práctica”. Quere dicirse que é preciso darlle saída democrática ás paixóns, ás diferentes formas de identificación cidadá, e recear da actual tendencia a celebrar o esvaecemento das fronteiras esquerda-dereita. Chantal Mouffe recorda aos teóricos liberais que “o bo funcionamento da democracia pide un intenso choque de posturas políticas democráticas e que non é posible erradicar os antagonismos”. Ainda mais: “A incapacidade dos partidos tradicionais para ofreceren formas distintas de identificaciòn en torno a posibles alternativas é o que preparou o terreo para o actual florecemento do populismo de dereita”. Fronte ao universalismo liberal, Chantal Mouffe apostou por unha orde mundial multipolar, polo establecemento dunha orde pluralista na que coexistan grandes unidades rexionais e se consideren lexítimas formas plurais de democracia. “Só recoñecendo a lexitimidade da existencia de diversas formas xustas de sociedade, así como o feito de que a democracia liberal non é mais que unha forma entre outras de democracia, se poden sentar as condicións precisas para se dar unha coexistencia “antagonista” de diferentes polos rexionais, dotados das súas institucións particulares. Unha orde multipolar así non eliminará o conflito, mais este terá menos probabilidades de adoptar formas antagonistas que nun mundo en que non haxa lugar para o pluralismo”, afirmou a politóloga.

