----

O Consello da Cultura Galega presentou o Mapa Cultural Galego en realidade aumentada

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2009.- O Consello da Cultura Galega e a empresa SIXTEMA presentaron hoxe o Mapa Cultural Galego en realidade aumentada. Trátase dunha nova tecnoloxía experimental que permite mesturar a realidade física e a virtual nos teléfonos móbiles, facilitando a consulta e localización de máis de cinco mil equipamentos culturais en Galicia. Amplía tamén as funcionalidades do Mapa de Equipamentos Culturais, (mapas.consellodacultura.org/icultura) aplicación web desenvolvida polo Observatorio da Cultura Galega, coa que o CCG ofrece aos profesionais do sector da cultura e aos cidadáns interesados unha exhaustiva información sobre os espazos culturais de Galicia. Xosé López, vicepresidente do CCG salientou a utilidade desta nova incorporación e o traballo que ven desenvolvendo o Observatorio da Cultura Galega para levar á rede o mapa cultural de Galicia. No acto interviron tamén Hakan Casares, coordinador do Observatorio, Alejandro Lamas, de Sixtema, e Manuel Gago, director do portal www.culturagalega.org