----

Os medios locais son decisivos para a difusión da cultura ao servizo da comunidade

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2009.- Os medios locais son decisivos para a difusión da cultura ao servizo da comunidade e serano tamén no espazo aberto polo novo paradigma da comunicación e no medio das graves dificultades económicas que afronta o hipersector da comunicación. É unha das conclusións do Foro de debate “A comunicación e a cultura nos ámbitos locais. Estratexias para recuperar, conservar e difundir a cultura nos escenarios de proximidade”, que este mediodía finalizou no Consello da Cultura Galega, organizado polo seu Arquivo de Comunicación, con dúas mesas redondas mas que interviron representantes de medios de comunicación públicos e privados de Galicia, Euskadi, Andalucía, Baleares e Cataluña. O escenario da comunicación local aparece sometido aos impactos da nova eclosión informativa, resultado da dixitalización e a potenciación da Rede e das dificultades dunha crise económica que complica e ameaza as contas de explotación de medios privados e públicos, xa sexan estes de titularidade municipal ou autonómica. Francesc Triola, director xeral de Com-Radio (Barcelona), Pedro Ferias, director xeral de Onda Local Andalucía e Xusto López Carril (Radio Galega) explicaron os seus esquemas de traballo e a vocación de servizo público dos seus medios. Lois Blanco (Grupo Voz) chamou a atención sobre as dificultades engadidas ás que se enfronta un grupo de comunicación privado, coa doble competencia presupostaria e publicitaria que presentan os medios públicos. O panel foi moderado por Xosé Ramón Pousa, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación-USC A segunda mesa redonda, moderada por Xavier Otero (Cadena SER), contou coas intervencións de: Germán Castro (Grupo La Capital) e Antón Galocha (Grupo El Progreso), que falaron da experiencia dunha intensa década de periodismo impreso nas cidades de Ferrol (Diario de Ferrol)e Pontevedra (Diario de Pontevedra) e apostaron dedicididamente polo futuro dese compromiso informativo e cidadán, que debería merecer tamén a atención e as axudas do sector público. Fernando González Macías (Televisión de Galicia) subliñou a particular importancia que este medio segue concedendo ao universo cultural e Enma Socies, directora de Ona Mallorca, abundou nos argumentos que xustifican a realidade dunha radio pública para atender temáticas e sectores que, na súa ausencia, quedarían silenciados ou serían apenas visibles.