Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2009.- As máis notables webs municipais españolas e galegas incorporan boa parte das características de Internet, están a un bó nivel, apostan pola información, sobre todo a cultural, e subliñan a dimensión global co seu carácter plurilingüe. Explicouno José Ignacio Armentia, catedrático de Periodismo na Universidade do País Vasco, no curso do Foro de debate “A comunicación e a cultura nos ámbitos locais. Estratexia para recuperar, conservar e difundir a cultura nos escenarios de proximidade”, iniciado hoxe no Consello da Cultura Galega e que prolongará as súas sesións anta o 25 de novembro. O foro foi inaugurado polo presidente do CCG, Ramón Villares, e o vicepresidente da institución e director do Arquivo de Comunicación, Xosé López.
<!--more-->José Ignacio Armentia afirmou que algunhas webs municipais foron converténdose en algo máis que medios de información de carácter local e repasou varias clasificacións nas que figuran as dos concellos de Vigo e A Coruña. Nesa dimensión informativa cobran especial relevancia os servicios á cidadanía, entre os que destacan os cursos de inglés do portal do concello de Nova Iorque. O retrucante, Xosé Rúas, profesor de Comunicación na Universidade de Vigo, aludiu a outros exemplos de webs e-administración.
Os procesos de comunicación local na era dixital, as propostas locais e a súa relación cos grandes grupos de comunicación ou as iniciativas no mapa público da comunicación local de Galicia, son algúns dos temas obxecto de reflexión e debate neste foro. A primeira sesión abriuse coas reflexións do profesor de Ciencia Política da Universidade de Santiago, Xosé Luís Barreiro Rivas, para quen hai unha contradicción entre a dimensión global e as limitadas posibilidades locais e por elo resulta imprescindible unha transformación estructural, toda vez que esa estructura condiciona a oferta e as posiblidades de comunicación. Para o seu retrucante, o profesor Antón Losada, da mesma especialidade e facultade,o problema non é tanto de estructura como de contido e oferta.
Na sesión matinal interveu tamén Juan Antonio García Galindo, catedrático de Periodismo na Universidade de Málaga, que se referiu ás contradiccións entre os grandes grupos de comunicación e a información local. Un espazo importante, o local, para a democratización do coñecemento socialmente compartido e tamén para o reforzamento identitario. Unha alternativa afectada polas alteracións que a era dixital abriu entre a cidadanía e os medios de comunicación. Na reflexión abundou Alberto Pena, profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo.
Na sesión da tarde falou tamén Montse Quesada, catedtrática de Periodismo na Universidade Pompeu Fabra, de Barcelona, que se referiu aos gabinetes de comunicación no ámbito local e tivo como retrucante a Berta García, profesora de Periodismo da Universidade de Santiago.
<strong>MARTES, 24</strong>
A partir das 10 horas intervirán as profesoras María Jesús Casal e Teresa Vázquez e o profesor vicente González Radío (A comunicación e a cultura na s sociedades contemporáneas).
Ás 12 horas, Pere Oriol Costa e Xosé Soengas ocuparánse da comunicación e a cultura nos ámbitos locais.
Ás 16´30 horas, Henrique Sanfiz moderará unha mesa redonda sobre “Iniciativas no mapa público da comunicación local de Galicia” coa intervención de: Carlos Fernández, presidente da FEGAMP, Socorro Cea, presidenta de EMUGA, e Martín Fernández e Antón Prieto, directores de comunicación da Deputación e do Concello de Pontevedra, respectivamente.
Ás 18 horas, Gotzon Toral, profesor da Universidade do País Vasco, falará sobre “Emoción e cultura nos medios de proximidade” e, finalmente, presentaranse experiencias de difusión da cultura nos ámbitos locais de Galicia.
O foro de debate continuará durante o mércores, 25 de novembro.

