----

Trinta expertos intervirán no Foro de debate "A comunicación e a cultura nos ámbitos locais"

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2009.- Trinta expertos en política, comunicación e cultura intervirán no Foro de Debate “A comunicación e a cultura nos ámbitos locais. Estratexias para recuperar, conservar e difundir a cultura nos escenarios de proximidade”, organizado polo Arquivo de Comunicación do Consello da Cutura Galega e que se desenvolverá nesta institución, en Santiago de Compostela, desde o luns 23 ao mércores 25 de novembro. Na primeira sesión, ás 10 horas, o relator será Xosé Luís Barreiro Rivas e o retrucante, Antón Losada.


<!--more-->

Os procesos de comunicación local na era dixital, as propostas locais e a súa relación cos grandes grupos de comunicación ou as iniciativas no mapa público da comunicación local de Galicia, serán algúns dos temas obxecto de reflexión e debate nas cinco sesións programadas neste foro, convocado polo Arquivo de Comunicación, que dirixe o profesor da Universidade de Santiago e xornalista Xosé López García, vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

Juan Antonio García Galindo, Alberto Pena, José Ignacio Armentia, Xosé Rúas, Montse Quesada, Berta García, María Jesús Casals, Teresa Velázquez, Vicente González Radío, Pedro Oriol Costa, Xosé Soengas e Gotzon Toral serán os relatores principais.

Haberá tamén tres mesas redondas. Unha sobre o mapa público local e dúas máis sobre os medios locais e a difusión da cultura, nas que intervirán, entre outros, Lois Blanco, Xusto López Carril, Xosé Ramón Pousa, Germán Castro, Antón Galocha, Fernando González Macías ou Xabier Otero. Trátase, explican os organizadores, dunha necesaria reflexión sobre o espazo local “cando a mundialización parece presidir boa parte dos procesos comunicativos e a industria mediática afronta un proceso de reorganización”.