Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2009.- “Con papel e pluma, co seu enorme epistolario, Ramón Piñeiro levou a cabo un esforzo extraordinario para internacionalizar a cultura galega”. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, subliñou así a importancia do labor piñeirista nas relacións culturais co exterior no relatorio presentado no congreso “Ramón Piñeiro e Galeguismo”, organizado pola Real Academia Galega e que, desde o día 18 e ata o venres 20 ven celebrándose no Consello da Cultura Galega. Do esforzo sistemático de Piñeiro e da súa xeración por reconstruir e proxectar a lingua e a cultura galegas falaron tamén Victor Freixanes, director da Editorial Galaxia, e o sociolingüista Henrique Monteagudo.
<!--more-->
Ramón Villares explicou como Piñeiro, quen fora o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, se esforzou en tecer unha rede de relacións no exterior, aproveitando a tradición galeguista de contactos, particularmente con Portugal e con Euskadi e Cataluña. Fíxoo nos difíciles tempos da post-guerra, no bipolar escenario da Guerra Fría Cultural e na dialéctia capitalismo-comunismo, liberdade-paz, especialmente activa desde 1948.
Unha rede exterior tecida laboriosamente a través de relacións personais e, sobre todo, de contactos epistolares con persoas singulares capaces de abrir, pola súa parte, novos contactos nun espazo que mesmo rebasaba a dimensión dos exiliados galegos como consecuencia da Guerra Civil (1936-1939).
“Piñeiro fixo todo iso, dixo Villares, proxectando unha acción exterior baseada nun discurso positivo, persuasivo e apoiado na complicidade dos amigos que podían constituir á súa vez novas e pequenas redes e conseguiu deste xeito facer real unha internacionalización da cultura galega”.
Un esquema de relacións que incluía, entre outros, nomes como Koldo Michelena (Bilbao), Joán Raventós (Barcelona, Pedro Laín, Muñoz Suay e José Luís Aranguren (Madrid), Prado Coelho (Lisboa), Manuel Meilán (Montevideo), Luís Seoane (Bos Aires), Ernesto Guerra da Cal e Emilio González López (Nova Iorque) ou Juan García Durán (Tejas).
ESTIMULAR OUTROS ESFORZOS CREADORES
Victor Freixanes, director da Editorial Galaxia, falou de Ramón Piñeiro como editor, o responsable de sacar adiante o proxecto Galaxia, nacido en 1950 e no que contou coas decisivas contribucións de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto. “Un proxecto de grupo, unha iniciativa colectiva, como outras que impulsou Piñeiro”.. E engadiu: “Galaxia era, na idea inicial, un medio e non unha fin, unha posibilidade de plantexar a batalla cultural, e polìtica, a resistencia, fronte á Dictadura Franquista, un vehículo legal de expresión que se revelou imprescindible”.
O proxecto consistía en reconstruir o edificio da patria, da lingua, da cultura, o edificio da Galicia Nova e necesitada de novas contribucións e novos recursos “`para empatar coas novas xeracións sen deixar de prestar atención ao legado do galeguismo”.
A respecto do labor de Piñeiro como impulsor e dinamizador, Freixanes lembrou unha carta dirixida a Basilio Losada, na que Piñeiro fala “da miña enerxía consagrada a estimular o esforzo creador dos demais”.
CULTURA E LIBERDADE
Para o sociolingüista Henrique Monteagudo, secretario do CCG, Ramón Piñeiro e a súa xeración empeñáronse dedicidamente en conectar a cultura galega con outras expresións culturais. “Quixeron achegarse aos problemas universais con perspectiva galega e facer súa en Galicia unha visión universalista”.
Monteagudo aludiu ao espazo piñeirista delimitado polos conceptos de pobo, lingua e cultura e ao seu empeño por encontrar equlíbrios entre sociedade e individuo, comunidade e singularidade, baixo a idea de que “o individuo crea cultura, a comunidade conserva a cultura”. Aludiu nese sentido ao “comunitarismo liberal de Piñeiro, xa explicado por Ramón Maiz” e recordou unha cita do referente galeguista sobre “o deber que temos como europeos de reivindicar a liberdade espiritual”.
Na sesión da tarde o profesor Basilio Losada coordinaou un panel de debate no que interviron a escritora Marina Mayoral, o escritor Xavier Carro e o humorista e ensaísta Siro López.
VENRES, 20. CONCLÚE O CONGRESO
O Congreso “Ramón Piñeiro e Galeguismo”, coordinado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, terá o venres, día 20 as dúas últimas sesións, dedicadas a analizar a acción política de Ramón Piñeiro.A partir das 10 horas falarán: Xosé Manoel Núñez Seixas (A posguerra); Miguel Barros (Resistencia cultural); Xavier Castro (Relacións co exilio) e Xosé Manuel da Silva (Proceso e cadea de Ramón Piñeiro: testemuños e documentos inéditos).Á 16´30 horas, Xosé Ramón Quintana reflexionará sobre “A Transición” e deseguido haberá un debate moderado por Xerardo Fernández Albor, primeiro Presidente da Xunta de Galicia, no que intervirán: Camilo Nogueira, Benxamín Casal, Alfredo Conde e Xosé Luís Meilán Gil.
O congreso cerrará os actos que viñeron celebránrose arredor da figura e do legado de Ramón Piñeiro, nun ano no que a Real Academia Galega lle dedicou o “Día das Letras Galegas”.

