----

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregará hoxe, xoves 23 de outubro, ás 18 h, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) os XV Premios á Publicidade en Galego. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na modalidade de internet, o traballo galardoado foi a campaña "“Riscos Laborais: Movemento contra a lei de Murphy", elaborada e presentada por La Nuestra Comunicación Publicitaria. Na categoría de radio, a campaña gañadora foi "Aposta pola reciclaxe", elaborada polo Grupo Radio Vigo para a Concellería de Limpeza e Xardíns do Concello de Vigo. No ámbito da televisión, o gañador foi o anuncio SEAT León FR1 "Quen posúe a quen", elaborado pola axencia Atlético International, para a empresa SEAT.

O premio especial do concurso “Campaña de autopromoción dos Premios de Publicidade en Galego” recibirano dúas alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.