Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa, asinaron hoxe un convenio de colaboración para levar a cabo actividades de formación divulgación e investigación.<!--more-->
O convenio contempla diferentes modalidades de colaboración que inclúen a participación nas actividades da EGAP do personal dependente do Consello da Cultura Galega, a realización de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades divulgativas e a edición conxunta de libros, publicacións e documentos de traballo. Menciona asemade a promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación conxuntos.
No acto da sinatura, celebrado no Consello da Cultura Galega, estiveron presentes o Secretario Xeral da EGAP, Néstor Valcárcel, e o Xerente do CCG, Marcelino Fernández Santiago.

