----

"A antropoloxía constata que a diversidade cultural faille fronte aos procesos homoxeneizadores", afirma o profesor José Antonio Fernández de Rota

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2009.- “Cada vez máis as culturas son vistas como pertencentes a un mesmo marco supracultural. Cada vez ten menos sentido pensar no exótico dunha cultura remota e cobra un maior sentido o pensar no carácter exótico da multitude de variantes culturais que nos rodean”. Ou sexa, diversidade cultural crecente frente a homoxeneización, segundo José Antonio Fernández de Rota, catedrático de Antropoloxía Social na Universidade da Coruña, que esta tarde interviu como relator no seminario interdisciplinar “Os sentidos das Culturas”, do Consello da Cultura Galega, cunha conferencia sobre “O concepto de cultura na antropoloxía contemporánea”.


<!--more-->

Para o profesor Fernández de Rota é un feito que fronte á impresión de que os procesos de globalización levan a unha homoxeneización crecente e reducen as diferencias culturais “as reflexións antropolóxicas nos últimos anos parecen constatar que a diversidade cultural non diminuíu e hai novas formas de diversidade cultural: culturas desterritorializadas, reterritorializadas, enlazadas mediante redes de gran amplitude espacial e creadas ou recreadas en novos e diminutos ámbitos”.

 
Na visión do conferenciante, o estudio antropolóxico segue  a ser fidel “á sensibilidade pola diversidade cultural, pola capacidade humana de distinguirse individual e grupalmente”. Porque son moitas as formas concretas de vivir, simbolizar e entender, diferentes das características tópicas do mundo industrializado. Nese marco, o estudio revirte insistentemente en temas como a resistencia e a atención minuciosa e sutil ás armas dos débiles. Certamente o tema da cultura é intensamente un tema político e sen os xogos de poder non existiría. O entender a cultura como unha arma política é un bó presuposto para poder entender a notable vitalidade, creatividade, sensibilidade, forza emocional e espíritu de solildariedade que tantas veces pode producir”.

A conferencia do profesor Fernández de Rota, que foi presentado por Ramón Máiz, coordinador do seminario, centrouse nas reflexións actuais sobre o concepto de cultura, debullando posturas que definiu como vangardistas, críticas e que abren novas perspectivas sobre o tema. Quere dicirse sobre o concepto de cultura, parte integrante do eixe central das principais secuencias da historia da Antropoloxía.