Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2009:- O libro “Contrabando na fronteira luso-espanhola. Memórias, práticas e patrimónios” documenta o repertorio de prácticas e discursos producidos sobre o contrabando, e a súa importante significación, nas dúas beiras da fronteria, a raia , durante o século XX. Iniciativa de Ediçôes Nelson de Matos (Lisboa), reúne dez traballos de investigadores españois e portugueses. Dúas achegas prestan atención ao fenómeno do contrabando na raia galaico-portuguesa. Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, salientou no acto de presentación, que a contribución a esta iniciativa editorial "representa un novo paso no reforzamento das relacións coa cultura portuguesa".
<!--more-->
Xunto con Ramón Villares interviron na presentación do libro, Dulce Freire, do Instituto de Ciências Sociais-Universidade de Lisboa; Luís Cunha, do Instituto de Ciências Sociais-Universidade do Minho, e Ángel Rodríguez Gallardo, do Centro de Estudos Interdisciplinares do Século XX-Universidade de Coimbra.
O libro, que agrupa dez traballos de catorce autores (sete en portugués e tres en español), dá conta dos resultados das pesquisas desenvolvidas na raia luso-española desde diferentes perspectivas de análise teórica e metodolóxica sobre o marco e a evolución do contrabando, actividade fundamental en 58 significativas e estudadas poboacións da raia e en moitas outras.
A publicación permite vislumbrar a diversidade de actitudes, protagonistas, relacións sociais, recursos, mercadorías, normas e memorias asociadas a unha actividade ilegal que, ao longo de varios séculos, foi un importante recurso para a supervivencia e os contactos das poboacións dun e doutro lado da raia.
Para os autores é un feito que o contrabando, máis intenso en tempos de guerra e crise, axudou ao desenvolvemento económico e foi tamén unha forma de resistencia das poboacións rurais. Na súa práctica non faltaron os argumentos de carácter económico (a mellor do nivel de vida), de lexitimidade moral (fomento da redistribución da riqueza) e de carácter político (unha acción en contra das leises promulgadas por dúas dictaduras: a do Estado Novo, de Salazar, e as do Franquismo). "Foi todo eso e foi tamén en momentos difíciles, un espazo físico e simbólico de resistencia e de liberdade, dentro da cultura de fronteira", afirmou Angel Rodríguez Gallardo.
A obra, coordinada por Dulce Freire, Eduarda Rovisco e Inés Fonseca, foi presentada esta tarde na Biblioteca do Consello da Cultura Galega.

