Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2009.- O Consello da Cultura Galega (CCG) afrontará as súas actividades en 2010 con criterios de austeridade, por causa da reducción orzamentaria nun 6´29 por cento. Esa diminución non lle impedirá continuar as liñas tradicionais de traballo e impulsar novos proxectos relativos á defensa, promoción e difusión da cultura galega. Así o explicou esta mañá Ramón Villares, Presidente da institución, na súa comparencia anual diante da Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, presidida por Ismael Rego. Entre os proxectos para o 2010 destacou o congreso dedicado á figura e á obra de Luís Seoane e cinco xornadas dedicadas ó exame da cultura galega, así como iniciativas tendentes á difusión de Galicia no exterior. Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ó labor da institución. BNG e PSOE amosáronse preocupados polo recorte orzamentario e criticaron a política da Xunta en materia cultural. Pola súa parte o PP falou dun “sacrificio compartido”.
<!--more-->
O recorte presupostario, que fora do 3 por cento en 2009, e que agora alcanza o 6´29 por cento, supón unha diminución de 200.000 euros e deixa o orzamento para 2010 en 2.951.000 euros. O descenso máis significativo afecta ó capítulo 2 (gastos correntes) e supón 134.000 euros menos. Hai tamén recortes nos capítulos 4 e 6 e mantense cun leve incremento o capítulo 1. Ramón Villares chamou a atención sobre a necesidade dunha disponibilidade orzamentaria algo maior no capítulo de personal e afirmou que o CCG “podería gastar máis, sempre de forma eficiente, e sería desexable superar a barreira dos tres millóns de euros”
En calquera caso, Ramón Villares salientou a vontade do CCG de levar a cabo novos proxectos ao servizo da cultura e de Galicia. Citou as cinco xornadas de “reflexión extratéxica sobre a cultura galega” (marzo-maio 2010), que abrirán o debate sobre os contidos básicos da cultura, a xestión, a gobernanza, a proxección exterior e as institucións culturais.
CONGRESO SEOANE E PROXECCIÓN EXTERIOR
Subliñou tamén o congreso “Galicia-Arxentina: unha doble cidadanía”, dedicado a Luís Seoane, no centenario do seu nacemento. Un encontro que se prolongará ó longo do ano noutras sesións nas universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, para abordar, respectivamente, as expresións do artista, o comunicador e escritor e o deseñador Seoane.
O Consello da Cultura continuará, dixo Ramón Villares, coas súas iniciativas de difusión exterior da cultura galega, nomeadamente coa London School a través do Cañada Blanch Centre, e con outras accións en Brasil e Estados Unidos. Seguirá prestando atención especial á nosa realidade lingüística co seminario “Lingua, política e sociedade en Galicia”, a iniciarse o vindeiro mes de decembro e que analizará a actual situación sociolingüística, os modelos de oficialidade (linguas e ensino), o panorama nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico e os modelos de convivencia e futuro. Outras actividades ocuparanse da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e da continuidade dos Encontros para a Normalización Lingüística, que chegarán en 2010 á súa duodécima edición.
As políticas culturais e os grandes eventos, as industrias culturais no escenario dixital ou o patrimonio histórico-cultural serán tamén obxecto de análise e debate no seminario “Os sentidos das culturas”, xa con notable traxectoria no CCG.
Polo que se refire ás publicacións, aludiu ó proxecto “Gallaecia Monumenta Histórica. Fontes para a Historia de Galicia”, a traducción dos Clásicos Greco-Latinos e á preparación dos epistolarios de Luís Seoane e Ramón Piñeiro. Mencionou asimesmo os traballos do Observatorio da Cultura Galega e, especialmente, os aspectos relacionados coa análise económico-financeira do sector cultural en Galicia.
Lembrou, finalmente, Ramón Villares o continuado esforzo divulgativo que o Consello da Cultura Galega leva a cabo na Rede a través do web institucional WWW.CONSELLODACULTURA.ORG e do portal cultural WWW.CULTURAGALEGA.ORG, plataformas para o seguimento da actualidade cultural e para poñer a disposición da cidadanía a documentación, os informes e as publicacións da institución en distintos soportes.
BNG E PSOE CRITICARON O RECORTE
No turno de intervención dos grupos parlamentarios, Ana Pontón (BNG) expresou a proecupación polo recorte orzamentario, que considerou “excesivo” e que inscribiu “no marco da diminución dos recursos por parte da xunta en materia cultural e lingüística”. Apelou á posibilidade dalgunha positiva modificación do proxecto dos presupostos xerais no debate parlamentario.
Concepcíón Burgo López (PS de G-PSOE) considerou “un gravísimo erro” o recorte presupostario e afirmou que esa rebaixa era “unha constatación do que a cultura significa para o goberno actual”. Insistiu na dimensión productiva dos investimentos en materia cultural.
Ignacio López Chaves (PP) asegurou que o recorte nos presupostos era “un sacrificio compartido”. “Baixan os orzamentos do Consello da Cultura Galega e baixan tamén os da Xunta de Galicia porque baixan os ingresos”, dixo.
Os tres tiveron, en todo caso, expresións de recoñecemento para o traballo, as contribucións e os proxectos do Consello da Cultura Galega, o que Ramón Villares agradeceu no seu derradeiro turno, que puxo fin á súa comparecencia na Comisión Terceira.

