----

Novas miradas sobre Xohana Torres, poeta, dramaturga e narradora, referencia imprescindible na literatura galega contemporánea

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2009.- Poeta, dramaturga, narradora, a obra de Xohana Torres, autora de referencia imprescindible na literatura galega, foi hoxe obxecto de análise no Consello da Cultura Galega. A xornada “Xohana Torres. A dona dos mapas”, organizada pola Comisión de Igualdade e coordinada por Ana Romanì, xornalista e escritora, e Helena González, profesora da Universidade de Barcelona e integrante do Centre Dona i Literatura, permitiu novas miradas sobre a obra da creadora de “Adios María”, e o seu labor no ámbito da literatura infantil e xuvenil ou como directora en Vigo (1965) do primeiro programa radiofónico en galego despois da Guerra Civil. Henrique Monteagudo, secretario do CCG, presidiu o acto inaugural.


<!--more-->

Presente a través da súa voz, Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931) abriu e clausurou a sesión co recitado dos seus poemas “Podo decir Avia e es ti” e “Penélope”. Este xurdiu logo dun recital poético, presentado por Lara Rozados e no que interviron María Xosé Queizán, Chus Pato, Lupe Gómez e María do Cebreiro.
Antes a profesora e escritora Carmen Blanco, presentada por María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade, subliñou a significación e a importancia do compromiso literario e galeguista da autora de “Eu tamén navegar” na conferencia inaugural baixo o epígrafe “A nai navegante”.

Dolores Vilavedra moderou despois un debate no que participaron: Iolanda Ogando (Proxectar a matria: nación e xénero no teatro de Xohana Torres, primeira autora galega importante); Olga Novo (Entre  sedentarismo ancestral e nomadismo mareiro: a paisaxe profunda de Xohana Torres); Montse Pena (Muller contra marea. Xohana Torres, precursora da literatura infantil galega) e Helena González (Lectura comparada de “Adiós Marìa”).

Pola tarde Mariam Mariño, técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, falou da presenza da autora no Album de Mulleres, fondo documental e informativo que pode consultarse no portal cultural do CCG: <a href="http://www.culturagalega.org/">www.culturagalega.org</a>, e Ana Romaní abordou a actividade radiofónica de Xohana Torres nun diálogo con Laura Pérez Landeira e Xoán Bernárdez Vilar.

DE FERROL A VIGO

No Album de Mulleres lémbrase o periplo vital de Xohana Torres, que se estende “do Ferrol da infancia e a mocidade ao Vigo da madurez onde reside. Pero a paisaxe emocional afírmase tamén nas ribeiras do Avia coa poderosa imaxe da súa avoa, e nos mares das navegacións reais, viaxa por Europa, Asia e África. Situada na Xeración das Festas Minervais a pegada da súa obra supera contextos xeracionais e aparece plena e cómplice nas poéticas últimas nas que a súa voz resoa. Nos anos de mocidade desenvolve unha intensa actividade cultural, colabora en revistas, participa en recitais poéticos e actos literarios. O seu labor cultural ampliase ademais a ámbitos menos frecuentados nos anos sesenta, a súa relación co grupo Teatro Estudio de Ferrol evidencia o seu interese polo xénero que logo cultivaría como autora. En Radio Ferrol realiza o programa “Teresa” e no ano 1965 dirixe, na emisora La Voz de Vigo, “Raíz e Tempo”, o primeiro programa cultural en lingua galega trala guerra civil”.