Xa está na rúa o segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004
18/3/2009
A Real Academia Galega acaba de editar a publicación Usos lingüísticos en Galicia, segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004 que achega datos de uso do galego obtidos a partir dunha mostra de mais de 9000 enquisas realizadas en 2004.
Malia que é arriscado establecer comparacións con análises sociolingüísticas anteriores, debido ás diferenzas de criterios na selección da mostra escollida, en xeral constátase un descenso do uso do galego. Segundo este estudo, aumentou considerablemente o número de persoas que nunca emprega o galego (25,8%), ao tempo que descendeu a cantidade de monolingües nesta lingua (16%). Así mesmo, continúa a ter unha grande relevancia a variable rural/urbano, pois é nos núcleos de menos de 5000 habitantes onde o galego segue a gozar de maior vitalidade (o 76% di falar só galego ou máis en galego), mentres que o castelán é a lingua predominante no ámbito urbano, onde o 35,8% se declaran monolingües en castelán.