Lingua, sociedade e medios de comunicación en Galicia
1/4/2009
O Consello da Cultura Galega acaba de publicar un novo estudo sobre a situación do idioma galego nos medios de comunicación en Galicia no que se combina a presentación de información obtida a partir de fontes secundarias con datos xerados de investigacións orixinais, outorgándolle unha especial relevancia ao coñecemento das expectativas e opinións do público galego, destinatario e consumidor dos medios de comunicación de masas.
O traballo enmárcase no carácter consultivo e asesor que o Estatuto de Autonomía de Galicia lle outorga ao CCG e neste sentido vén a completar a serie de tres volumes (sobre a política lingüística, o sistema educativo e a elaboración e difusión da lingua) que no seu día editou baixo o título xenérico O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000).