Fúndase o Instituto de Linguas da Península Ibérica
24/4/2009
Mañá sábado, 25 de abril, celebrarase a xuntanza fundacional do Instituto de Linguas da Península Ibérica (ILPI), na localidade aragonesa de Benasque, un municipio bilingüe situado nunha encrucillada lingüística no corazón do Pireneu de Huesca.
O ILPI, inicialmente promovido polo Concello de Benasque e pola Diputación General de Aragón, terá a súa primeira sé no Palacio dos Condes de Ribagorza e proponse contribuír á aceptación social da pluralidade lingüística en España. Forman parte do núcleo impulsor do ILPI unha ducia de especialistas en sociolingüística pertencentes ás universidades de Alcalá, Barcelona, A Coruña, Girona, País Vasco, Santiago, Valencia, Zaragoza e ao Centro Superior de Investigacións Científicas. Os representantes galegos son Mauro Fernández (UDC) e Henrique Monteagudo (USC).