Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2009.- O artista visual Rogelio López Cuenca falou hoxe no Consello da Cultura Galega da necesidade de repensar o papel, a función das prácticas artísticas no interior das cidades e propuxo unha nova lectura, tamén política e crítica, das imaxes cotiás e das referencias mediáticas ou mediatizadas. A conferencia, titulada "Sinalizar a cidade", foi parte das xornadas “ARTE+ESPAZO PÚBLICO”, organizadas pola Sección de “Creación e artes visuais contemporáneas”, que coordina María Luísa Sobrino.
<!--more-->
O conferenciante, autor de intervencións en espazos públicos de numerosas cidades de Europa e América, ilustrou a súa reflexión con numerosos exemplos de utilización, crítica ou contradictoria, da sinaléctica convencional e aludíu ao obxectivo de crear espazos públicos dotados de simbolismo. Trátase, explicou, de buscar unha resposta ás transformacións formais e funcionais das cidades e á crecente asimilación dos cascos históricos ao modelo de “shopping hall”.
Lembrou que o papel cumprido antano polos monumentos vai sendo asumido pola arquitectura espectacular, de autor, e fixo fincapé no feito de que a “provocación” da arte vangardista está a ser neutralizada polo uso que dela fai a publicidade comercial. O artista subliñou a necesidade de traballar interdisciplinariamente na sinalización da cidade para anular, ou reducir, a pegada dos iconos oficiais “que ocultan máis do que amosan”.
Detívose particularmente no caso da cidade de Málaga e no modo no que aborda o seu proxecto de incorporación ao mercado global do turismo cultural, dentro do que xoga un papel central a sinalización dos novos fitos urbanos arredor dos cales pretende construír a súa nova imaxe, máis que pública, publicitaria, utilizando a figura de Picasso.
Puxo a Málaga como exemplo de cómo esa sinalización oficial e convencional borra outras memorias colectivas e/ou conflictivas para readaptar outras lecturas e reinventar mesmo unha inédita relación espacial Málaga-Picasso, cando o artista só viviu na cidade oito anos da súa infancia.
Picasso permite “reinventar” Málaga co propósito de musealizar a cidade. Como conxunto de museos e como cidade-museo. Imaxe pública, publicitaria, turística e consumista. Xusto as dimensións que critican as intervencións e a mirada de Rogelio López Cuenca, que combina no seu traballo estratexias narrativas propias tanto da literatura como das artes plásticas e da publicidade comercial.

