A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Santiago presenta a campaña de dinamización lingüística A quen lle amarga un doce? Saboreo o galego!, dirixida á difusión de boas prácticas lingüísticas na Administración local.
A iniciativa consiste na distribución dunha compilación documental dirixida a traballar tanto a sensibilización lingüística (folleto explicativo, autocolante e caramelos) como a formación do persoal municipal, achegando un lapis USB cunha multimedia de recursos lingüísticos, tecnolóxicos e normativos referidos ao uso da lingua. Esta multimedia estará en breve accesible no propio web do Concello.
Co mesmo obxectivo de contribuír á normalización do idioma galego no ámbito municipal, a Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou, o pasado 16 de maio, unha declaración institucional na que demanda o impulso social da lingua galega e reitera o seu compromiso co proceso de normalización lingüística.