O Consello da Cultura e a Zona Franca de Vigo asinaron un convenio para facer un informe económico-financeiro do sector cultural en Galicia

Vigo, 9 de outubro de 2009.- Teresa Pisano, Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, e Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións para estudar e mellorar a información económica e financieira sobre o Sistema Produtivo da Cultura en Galicia. Co obxectivo de analizar este sistema produtivo que cada ano adquire maior peso dentro da economía de Galicia, ambas partes acordaron elaborar unha investigación conxunta sobre o tecido industrial e empresarial no ámbito cultural que comprenda un informe económico-financieiro do sector, unha base de datos coas empresas que o configuran e a creación dun espazo on-line que manteña e actualice esa información.

O resultado, que se espera ter antes de que remate este ano, será pioneiro en España e permitirá destacar a importancia económica do sector cultural galego na súa orientación á oferta. O traballo ofrecerá unha visión global do sistema produtivo da cultura en Galicia e describirá a importancia económica das industrias culturais e a súa contribución á xeración de riqueza e emprego Tamén se identificarán as liñas de acción que, desde a producción cultural, poidan contribuir ao crecemento da economía galega no seu conxunto. Para termos unha idea da importancia deste sector pódese avanzar que, actualmente, o sistema productivo da Cultura representa aproximadamente o 2% do PIB en Galicia e, no 2007, representaba un 1,9 do emprego galego, cun total de 23.300 empregados.

INFORME ECONÓMICO-FINANCEIRO

O informe, que estará rematado antes de que finalice o presente ano, analizará con detalle a evolución de ingresos, custos e resultados no período 2005-2007, considerando inversión, financiaciamento e rendibilidade. Tamén incorporará un estudio detallado da produtividade e o emprego. Dalgúns indicadores ofrecerase a evolución temporal desde o ano 2000.

O informe incorporará unha análise das actividades que compoñen o sistema produtivo e a súa distribución territorial.

BASE DE DATOS DAS EMPRESAS

Unha vez identificadas as empresas do sistema produtivo da cultura galega, elaborarase unha base de datos cunha mostra aproximada de novecentas. Esta base de datos será de moito interese para realizar investigacións ou para a súa difusión pública a través de Internet.

Os sectores que se analizarán neste informe son :

Creación de Bens e Servizos Culturais

Fabricación de Bens Culturais

Distribución e Difusión de Bens e Servicios Culturais

Actividades Auxiliares á Cultura

ESPAZO ON LINE

Adaptado ás especificacións da páxina web do Consello da Cultura Galega, será un espazo funcional desde o que se recolla e manteña toda a información, estudos e servizos obxectivo deste convenio. BÁsicamente constará das seguintes seccións:

Presentación do Informe económico e financeiro do sistema produtivo da cultura.

Publicación da base de datos de empresas ligadas ao sistema produtivo da cultura.

Facilidades para o mantemento ‘on-line’.