A cuestión lingüística a debate no Consello da Cultura Galega
16/9/2009
A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua en Galicia, e moi particularmente a súa relevancia política, levou ao CCG a considerar a necesidade de establecer foros de reflexión sobre a situación sociolingüística galega.
O Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, coordinado por Víctor Fernández Freixanes, Henrique Monteagudo e Ramón Maiz, desenvolverase en catro sesións ao longo dos meses de decembro de 2009 a xuño de 2010. O obxectivo final é a elaboración dun informe que será elevado ao Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, en febreiro de 2010, baixo a coordinación de Alba Nogueira, terán lugar as Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, nas que se analizará en profundidade a aplicación da Carta e se tirarán conclusións sobre os seus efectos nos ordenamentos xurídico-lingüísticos dos países asinantes.