Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2010.- O Consello da Cultura Galega publicará os textos dos relatorios dados a coñecer no Congreso Internacional “O século de Xelmírez” nun volume que será importante para o coñecemento dese periodo histórico. Así o anunciou o Presidente da institución, Ramón Villares, este mediodía na clausura dun encontro, que durante tres días reuniu a doce notables especialistas de diferentes universidades europeas e no que participaron cincuenta estudiosos.<!--more-->
A derradeira sesión do Congreso estivo dedicada á reflexión sobre a introdución de reformas lingüísticas e ao análise da “Historica Compostelana”. Da primeira temática, “Las reformas del siglo XII y su vertiente lingüística”, falou Roger Wright, da University of Liverpool, para destacar a importancia de Diego Xelmírez (1070-1140) e de Pedro Suárez de Deza na adopción das reformas: o rito romano no canto do mozárabe e a sustitución da escritura visigótica pola carolingia. Un paso que necesitou prácticamente un século e que supuxo asemade a adopción de novas habilidades lingüísticas da man do latín, mentras se abrían camiño as linguas romances.
Sobre “La Historia Compostelana en el panorama de la historiografía latina medieval” disertou Emma Falque, da Universidad de Sevilla, que salientou o coñecemento que os autores da gran crónica xelmiriana terían de obras contemporáneas como o “Liber Pontificalis” ou o “Liber Eliensis”. Chamou tamén a atención sobre a significaciòn do feito de que Santiago de Compostela era a sede que maiores contactos tiña con Europa. Mencionou as viaxes de Xelmírez e as idas e vindas dos cóengos compostelás a Roma ou a Cluny, e aludiu á extraordinaria influencia do Camiño de Santiago, vía propicia para a chegada de influencias artísticas, literarias e tamén historiográficas.
Concluiu así un congreso internacional dedicado a unha figura clave da hisotira de Galicia e protagonista relevante no de correr histórico dio século XII hispánico. Un encontro orgnaizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por un comité científico do que foron parte: Fernando López Alsina, Henrique Monteagudo, Ramón Villares e Ramón Yzquierdo Perrín.

