<img src="http://consellodacultura.org/files/2009/09/presentacion_xornadas_lingua.jpg">
<em>Ramón Villares, no centro, xunto con Henrique Monteagudo e Alba Nogueira</em>
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2009.- Un seminario sobre “Lingua, sociedade e política en Galicia”, que se desenvolverá entre decembro-2009 e xuño-2010, e unhas xornadas sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, en febreiro-2010, serán as contribucións que a respecto da cuestión lingüística ofrecerá nos vindeiros meses o Consello da Cultura Galega. Un tema, o da lingua, ao que esta institución estatutaria, asesora e consultiva, á que compete “a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”, ven prestando atención sistemática a través de encontros, publicacións e informes, como lembrou o Presidente, Ramón Villares, a quen acompañaron na presentación dos programas Henrique Monteagudo, co-coordinador do Seminario, e Alba Nogueira, coordinadora das Xornadas.
Pódese consultar aquí <a href="http://consellodacultura.org/files/2009/09/programa_seminario_lingua.pdf">o programa das primeiras sesións do seminario en PDF</a> e acceder a máis información sobre <a href="http://consellodacultura.org/files/2009/09/xornadas_carta_europea.pdf">as xornadas sobre a Carta Europea das Linguas</a>, tamén en PDF.
<!--more-->
O Seminario sobre “Lingua, Sociedade e Política en Galicia” desenvolverase en catro sesións. A primeira, o próximo 1 de decembro, analizará a situación sociolingüística actual. A segunda, en marzo-2010, xirará aaredor dos modelos posibles de oficialidade e da regulación lingüística no sistema educativo. A terceira sesión ocuparase da situaciòn nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico e a cuarta reflexionará sobre os modelos de convivencia para o futuro e elaborará as conclusións.
REFLEXIÓN E ANÁLISE
Henrique Monteagudo salientou a necesidade de “análises certeiras e fondas reflexións” sobre a situación e os problemas do idioma galego e indicou que no seminario “teránse en conta o marco estatal español e o ámbito luso-brasileiro”. Relatores de moi diversas especializacións e procedencias reflexionarán e debatirán neste foro. Para a primeira sesión foron convocados Albert Branchadell, Fermín Bouza, Antón Losada e
Mauro Fernández Rodríguez. Na segunda contarase con Ángel López García-Molóns, Peter a. Kraus, Josu Mezo, Alba Nogueira e Bieito Silva.
Henrique Monteagudo, Secretario do Consello e director do Centro de Dcomentación Sociolingüística de Galicia, coordina este Seminario xunto con Victor F. Freixanes e Ramón Máiz, responsabeis das Seccións de Lingua, Literatura e Comunicación e de Pensamento, respectivamente.
CARTA EUROPEA
As Xornadas de Análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), referente obrigado das políticas lingüísticas en España, celebraranse os días 22 e 23 do próximo mes de febreiro. Contarán con relatores como Eduardo Ruiz Vieytez, J. M. Pérez Fernández, Gwyn Parry, Robert Dunbar, Anna Pla, Jaume Vernet, Angels Orriols, Elizabeth Craig, Íñigo Urrutia, Eva Pons, Iñaki Lasagabaster, Santiago Castellá e Antoni Milian. “Trátase de analizar o papel da Carta Europea no noso entorno en sectores como o ensino, a xustiza, a comunicación, a cultura, as actividades socioeconómicas ou os intercambios transfronteirizos”, indicou Alba Nogueira, coordinadora das Xornadas.
O CONSELLO E A LINGUA
Ramón Villares afirmou en resposta á pregunta dunha xornalista que, como membro da Real Academia Galega, compartía e asumía as palabras pronunciadas recentemente polo seu Presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, en relación coa situación e o futuro do galego. Polo que respecta ao Consello da Cultura Galega indicou que está a preparar un informe sobre a lingua, onde se recolle a doutrina forxada pola institución ao longo dos anos e plasmada en distintos traballos e estudos, que se publicará sen demora.
En calquera caso, Villares xulgou “desexable” que a lingua debería quedar á marxe do debate político, “necesariamente curtoplacista”.

